"Bellver" (Contén)

Mostrando 4 resultados de 4.

  • Familia valenciana de escultores. Pere Bellver i Llop (Vila-real 1768 - València 1826), discípulo da Academia de San Carlos, abandonou a práctica artística para tomar os hábitos relixiosos no 1810. O fundador da liñaxe foi o seu irmán, Francesc Bellver , pai de Francesc Bellver (València 1812 - 1890), Marià Bellver (Madrid 1817 - 1876) e Josep Bellver (Ávila 1824 - 1869), que traballaron en Madrid o xénero monumental e a pintura relixiosa. O artista máis notable desta familia foi o fillo de Francesc, Ricard Bellver i Ramon (Madrid 1845 - 1924). Pensionado en Roma (1870) a súa obra máis importante é o Anxo caído (1878), exposto no Parque do Retiro (Madrid), co que rompeu cos convencionalismos máis académicos. Outras obras súas son as estatuas de Santo Andrés, San Pedro, San Pablo e San Bertomeu na igrexa de San Francisco el Grande (Madrid).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Fotógrafo afeccionado, cunha produción que se concentra entre os anos 1920 e 1960. A súa profesión de xuíz foino levando dunha localidade a outra por todo o estado español, e nelas dedicouse a fotografar os aspectos que máis lle interesaron, cultivando os xéneros clásicos da paisaxe, o retrato, as mariñas, tipos populares e edificios e lugares de interese histórico-artístico. De entre eles, o xénero que máis identifica o seu traballo é o das mariñas realizadas nas rías galegas. As súas fotos concíbense sempre dende puntos de vista convencionais, semellantes aos que eran comúns entre a maioría dos fotógrafos afeccionados do resto do estado por eses anos, é dicir, un certo pictorialismo e descoñecemento dos novos movementos fotográficos europeos ou americanos. Foi membro fundador da Agrupación Fotográfica Gallega, no ano 1946, en Vigo. Ignacio Cela Muruais e José Enrique Acuña (1984) publicaron un libro co que se pretende a recuperación do seu traballo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • MUNICIPIOS

    Municipio da provincia de Lleida, Catalunya, situado na comarca pirenaica da Cerdanya, no curso alto do Segre (1.535 h [1996]). A súa situación montañosa e a diversidade litolóxica provocan unha gran variedade na vexetación (carballos, faias, carrascos ou salgueiros). A paisaxe, atractivo turístico, constitúe o seu principal recurso económico. Ao abeiro desta actividade dinamizouse o comercio e a construción, favorecida pola mellora nas comunicacións trala apertura do túnel de El Cadí (1984). Teñen sona os seus embutidos artesanais. O Rei Xaime I mandouna fortificar e levar por alí o camiño da Seu d’Urgell a Puigcerdà, outorgándolle privilexios e franquicias. As guerras franco-españolas supuxeron a ocupación francesa en varios períodos dos ss XVII e XVIII.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Castelo situado sobre un outeiro, a 2,5 km de Palma de Mallorca, edificado por orde de Xaime II de Mallorca. Foi construído (1309-1311) polo mestre de obras Pere Salvà como residencia real e fortaleza. A construción, circular en planta, é de estilo gótico. Alicerzada sobre dous muros concéntricos, o perímetro está interrompido por tres torres semicirculares unidas ao corpo principal, ademais da de homenaxe, exenta e comunicada por unha ponte, que posúe nos subterráneos a famosa prisión coñecida como l’Olla. O patio de armas está arredor dunha dupla galería, de arcos de medio punto no baixo e apuntados no alto. Circundando a galería atópanse as dependencias, nas que destaca a capela con reixas e cerámica mudéxar. Estivo en mans da coroa ata que Martiño I lle concedeu a señoría á cartuxa de Valldemossa (1408). Volveu a mans do estado, servindo desde o s XVIII de prisión política e militar. No 1931 foi cedido ao concello e desde 1932 acolle o museo municipal de arte e historia locais.

    VER O DETALLE DO TERMO