Castelucho
Familia de artistas e marchantes orixinaria de Barcelona. O iniciador da dinastía, Antoni Castelucho i Vendrell (Barcelona 1835-París 1910), debuxante e gravador, foi autor dun tratado de perspectiva teatral (1896) xunto co seu fillo, o tamén pintor Claudi Castelucho i Diana (Barcelona 1870 - París 1927), profesor adxunto da Academia Whistler en París. Fundador da Academia da Grande Chaumière (1904), relacionouse cos grupos de vangarda e expuxo no Salon National des Beaux-Arts. O seu irmán, Emili Castelucho i Diana (Barcelona 1879 - París 1939), estableceu en Montparnasse a tenda-galería de arte Castelucho, onde se relacionou con vangardistas como Picasso, Matisse ou Miró. A súa filla Rosa-Antonieta Castelucho i Camell (París 1903 - Reus 1987) continuou coa galería e fundou con Just Cabot a galería Mirador (1949).