"Cambrai" (Contén)

Mostrando 4 resultados de 4.

  • Tecido branco moi fino de algodón con ligado plano, semellante á batista, que se fabricaba antigamente en Cambrai.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • CIDADES

    Cidade do departamento de Nord, Cambrésis, Francia, á beira do río Escalda, ao NL de París (33.092 h [1990]). Son tradicionais as industrias téxtiles onde se orixinou o tipo de tecido de algodón coñecido co nome de cambrai. A industria baséase na fabricación de encaixes, fiados, coiro, azucre, cervexa e aceites. A exportación é a base do seu comercio, principalmente de gando vacún e cereais. É un centro de comunicacións ferroviarias, onde se localizan tres estacións. Correspóndese coa antiga Cameracum romana. É bispado desde o s VI e os bispos foron señores desde o s X do condado de Cambrai, erixido no s XVI en ducado. Formou parte dos Países Baixos baixo a dominación española e, pola Paz de Nimega (1678), pasou definitivamente a Francia. A cidade, moi castigada durante as dúas guerras mundiais, conserva a catedral do s XVIII (refeita no s XIX), a igrexa de Saint-Géry (s XVIII), a antiga porta do palacio episcopal (1623) e un beffroi do s XV.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Congreso europeo que tivo lugar en Cambrai (Cambrésis) de 1721 a 1727, convocado polos membros da Cuádrupla Alianza (Francia, Inglaterra, Países Baixos e Austria) para concluír unha paz definitiva. As negociacións facilitaron diversos acordos: o Tratado de Madrid (1721), asinado entre Francia, Inglaterra e Filipe V; o Tratado de Viena entre Filipe V e Carlos VI de Austria; e a Alianza de Hannover, entre Francia, Inglaterra e Prusia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Tratado de reconciliación asinado en Cambrai o 5 de agosto de 1529 por Luísa de Savoia, en nome do seu fillo Francisco I de Francia, e por Margarida de Austria, no do seu sobriño Carlos V; por esta razón tamén se coñece co nome de Paz das Damas. Este acordo confirmaba a renuncia por parte do rei de Francia ás súas aspiracións sobre Milán, Xénova e Nápoles e á soberanía sobre Flandres e Artois, establecida polo Tratado de Madrid (1526), e, a cambio, Carlos V recoñecía a soberanía francesa sobre Borgoña.

    VER O DETALLE DO TERMO