"Nova Galiza" (Contén)
Mostrando 3 resultados de 3.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Revista publicada en Barcelona a partir do 5 de abril de 1937 que cesou en xullo de 1938 (nº18). Subtitulada “Boletín quincenal dos escritores galegos antifeixistas”, editouse nos obradoiros da Generalitat, President Macià. Os seus responsables foron Castelao e Rafael Dieste, autores de centos de artigos e debuxos. Xunto a eles colaboraron Suárez Picallo, Blanco Amor, Basilio Álvarez ou Otero Espasandín. Aínda que nun principio tivo unha periodicidade quincenal, en novembro de 1937 pasou a ser mensual. Deu conta da represión en Galicia, publicou listaxes de fusilados e evadidos, reclamou a axuda moral e económica dos emigrantes galegos e criticou a falla de apoio dos países democráticos á República española. Completou os contidos con artigos sobre a historia, a economía, os símbolos de Galicia, o desenvolvemento do Estatuto ou as reivindicacións sobre o ensino en galego.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Revista publicada en Santiago de Compostela a partir de 1978 que cesou no segundo número. Subtitulouse “Revista de política e cultura” e contou cun amplo consello de redacción en que figuraron, entre outros, Xoán Andeiro, Pedro Arias, Carlos Barros, Miguel Cancio, Ramón Máiz, Alfonso Magariños, Xosé Luís Pintos ou Emilio Pérez Touriño. Promovida polo Partido Comunista de Galicia, quixo ser un foro de debate aberto a políticos e intelectuais progresistas.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Revista que se editou en Santiago de Compostela a partir de maio de 1988. Subtitulada “Voceiro do Partido Nacionalista Galego”, foi o órgano de expresión deste grupo político, liderado por Pablo González Mariñas. Tratouse dunha publicación que ofreceu información política, de tendencia nacionalista conservadora.