Lei de Reforma Universitaria
Lei Orgánica 11/1983, de 25 de agosto, que se converteu na primeira lei educativa da democracia. A LRU comprendía a universidade como un elemento dinamizador da racionalidade moderna e dunha sociedade libre: autonomía, participación social e eficacia. A autonomía que a LRU tentou establecer precisaba dunha relación equilibrada entre a propia institución universitaria e o estado. Tres foron as perspectivas posibles en que se foi desenvolvendo esa autonomía: académica, de goberno e financeira. O título II concibía o Consello Social como órgano de participación da sociedade na universidade. A heteroxeneidade dos membros do Consello supuña, a priori, un índice positivo de eficacia e unha garantía da presenza real da sociedade na institución universitaria. Regulamentaba o dereito que todos os cidadáns teñen de estudar na universidade e establecía as condicións de acceso e permanencia na institución. Con respecto ao profesorado, simplificou as categorías ou estableceu equivalencias entre estas, sen esquecer a admisión nos concursos para a provisión de prazas, con que se inaugurou unha dinámica nova con relación ao réxime anterior. Tamén estableceu unha novidade en relación ao profesorado: a avaliación docente científica. No título VIII facíase referencia ás universidades privadas, naquel momento relacionadas coa Igrexa. Tamén se trataron os títulos universitarios na procura dunha nova estrutura dos estudios universitarios que se aproximase máis ás demandas da sociedade.