Chouzán, Santo Estevo de

Chouzán, Santo Estevo de

Igrexa parroquial de características románicas con planta de cruz latina rematada cunha ábsida semicircular, precedida dun pequeno tramo rectangular. O tramo da nave cóbrese con madeira a dúas augas, mentres que a cabeceira cunha bóveda de canón e a ábsida cunha de cuarto de esfera. A parte máis antiga do edificio é a ábsida, posiblemente dunha igrexa preexistente, da segunda metade do s XII, que fundara Fernando II de León. Nela aparece unha decoración de canzorros, entrelazos, seteiras e outros elementos propios do románico rural de Galicia. A nave e o cruceiro parecen ser posteriores, segundo aparece nunha inscrición que fai mención á fundación da igrexa por parte da abadesa Teresa Arias de Páramo en 1324. O interior do templo mantén a austeridade e o concepto espacial das características góticas, só alteradas polo pequeno retablo neoclásico do presbiterio e polos restos dunhas pinturas murais góticas tardías que se corresponden co padroado de don Alonso de More, no primeiro terzo do s XVI. No teito da bóveda consérvase a representación do Xuízo Final presidida por un Cristo sedente de grandes dimensións que asiste a unha escena na que se recollen detalles como a representación da taberneira coa xerra de viño, condenada por mesturar a auga e o viño. No tramo recto da capela maior existía un ciclo con escenas da paixón de Cristo, moitas delas mal conservadas despois do traslado que sufriu a igrexa por mor da construción do encoro de Belesar. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1950 e o seu contorno en 1995.