Churriguera
Familia de artistas de orixe catalá que traballou en Madrid e Salamanca desde o s XVII. A súa orixe remóntase ao escultor Josep de Xoriguera, activo en Catalunya no s XVII. O seu fillo José Simón de Churriguera (? - Madrid 1682) estableceuse na capital e castelanizou o seu apelido. Entallador de retablos, os seus fillos tamén foron entalladores e arquitectos. José Benito Churriguera (Madrid 1665 - 1725) foi autor do proxecto do poboado de Nuevo Batzán (Madrid, 1707) por encargo do banqueiro Goyeneche. Tratábase dunha cidade industrial dotada dun palacio, unha igrexa, casas para os colonos e dependencias para a instalación dunha fábrica de vidros finos. Como entallador de retablos a súa obra desenvolveuse entre Madrid e Salamanca. Realizou o retablo maior da capela de Ayala, na catedral de Segovia (1686), o retablo maior do convento de San Esteban (Salamanca, 1692), o retablo maior e colaterais da igrexa do Salvador (Leganés, 1701) e o retablo maior da igrexa das Calatravas (Madrid, 1720). O seu proxecto para o túmulo de María Luísa de Orléans, esposa de Carlos II, orixinou unha tipoloxía repetida na escultura funeraria española do s XVIII. Joaquín Churriguera (Madrid 1674 - Salamanca? 1724) destacou polo seu traballo como entallador e como escultor en madeira. En Salamanca participou no retablo de san Tomé na igrexa de San Esteban e realizou o retablo maior do convento de Santa Clara (1702), o retablo maior do convento da Vera Cruz (1709) e, na catedral de Ávila, o retablo de san Segundo (1713). Alberto Churriguera (Madrid 1676 - Orgaz 1750) traballou como arquitecto no proxecto do Nuevo Batzán. Completou a fachada da catedral de Valladolid (1729-1733) e proxectou a Plaza Mayor de Salamanca, na que partiu da racionalidade e austeridade das prazas maiores barrocas castelás para introducir un repertorio de elementos decorativos como molduras, balaustradas rematadas con obeliscos e relevos ornamentais que conducen cara á exhuberancia do rococó de finais do s XVIII. Como entallador completou as trazas dos sitiais do coro da catedral de Salamanca, iniciadas polo seu irmán Joaquín no 1724. Foron tamén arquitectos os seus irmáns Manuel e Miguel Churriguera e a terceira xeración formada polos fillos de José Benito, Matías, Jerónimo e Nicolás Churriguera.