cibernética
(< grκυβερνετική ‘do piloto’)
Disciplina científica que estudia a comunicación e o control nos seres vivos e nas máquinas. Foi creada no Massachusetts Institute of Technology por Norbert Wiener, autor de Cybernetics (Cibernéticos, 1948). O termo engloba diversos campos. A cibernética constrúe, manipula e aplica modelos cibernéticos, que representan entidades físicas (animais, cerebros, sociedades, plantas industriais e máquinas) ou entidades simbólicas (sistemas de información, linguaxes ou procesos cognitivos). Cómpre illar a entidade a estudar (sistema de control, sistema cibernético ou sistema) do mundo exterior (contorno) e despois determinar a evolución do sistema fronte ás variacións das propiedades do contorno. Nun sistema distínguense: o sensor, ou proceso de abstracción mediante o que o estado inmediato do contorno se describe en función das súas propiedades ou dos atributos máis destacados, denominadas variables de entrada ou entrada (input); o fin ou a especificación do estado do sistema, denominado de equilibrio; a detección do erro, que é o método para determinar a desviación (erro) entre o estado de equilibrio e o estado actual do sistema; e o operador ou conxunto de operacións coas que o sistema pode actuar sobre o contorno e modificar determinadas propiedades, denominadas saída (output). Un concepto fundamental da cibernética é o de retroacción (feed-back), método polo que os resultados da propia acción do sistema proporcionan e serven de base para a súa futura actuación. Os antecedentes da cibernética pódense rastrexar en Platón, mentres que o termo cybernétique foi empregado en 1841 por Ampère; a retroacción aparecía xa en sistemas de control en Grecia, nos aparellos de control automáticos dos muíños de vento e no regulador de bólas de James Watt (1781). Outro antecendente está nos estudios de Ross Ashby, que o levaron á construción do homeóstato. A cibernética reúne a teoría de xogos, a da comunicación e a da información.