Cicerón, Marco Tulio
Orador, escritor, político e filósofo. Nacido nunha familia de cabaleiros (ordo equestre), estudiou filosofía, retórica e leis en Roma, e completou a súa formación en Atenas, Rodas e Asia Menor entre os anos 79 e 77. De regreso a Roma adquiriu sona como avogado. No ano 70 apoiou a causa dos sicilianos contra Verres, antigo pretor da illa. Foi nomeado cuestor no ano 76, edil no 69, pretor urbano no 66 e elixido cónsul no 63. Coa intención de asegurar a orde dentro do Estado, tendeu a unir cabaleiros e senadores (concordia ordinum). O feito máis salientable do seu mandato foi a represión da conxuración de Catilina. Enfrontado con Pompeio, César e Craso, membros do primeiro triunvirato, sufriu o exilio no ano 58 por dar a orde de executar, sen xuízo previo, os cómplices de Catilina. Chamado de novo a Roma no 57, renunciou ao ideal de concordia ordinum polo consensus omnium bonorum, a reunión de todas as forzas vivas do Estado. Despoxado de relevancia política, retirouse da vida pública e consagrouse á elaboración da súa obra, que abandonou só puntualmente con motivo da súa elección como substituto de Craso no colexio dos augures ou polo cumprimento do cargo de procónsul en Cilicia, onde obtivo algúns éxitos militares fronte aos partos. Na guerra civil tomou partido por Pompeio, mais trala derrota de Farsalia, solicitou o perdón de César. O asasinato de César (44 a C) devolveuno aos círculos de poder e atacou con vehemencia a Marco Antonio, que aspiraba a sucedelo, feito que favoreceu a Octavio. Cando ambos os dous se uniron a Lépido, Cicerón foi proscrito, perseguido e asasinado polos alguacís de Marco Antonio. Destacado orador, especializouse no discurso xudicial (Pro Cluentio, Pro Milone e In Verrem) e político (In Catilinam e In Philippicae). Os discursos que se conservan son edicións destinadas á lectura nas que tenta manter a aparencia de oralidade mediante determinados artificios cun carácter máis literario e cun interese máis xeral. Como retórico compuxo, entre outras obras, o tratado inacabado De inventione (86 a C), De oratore (55 a C), Partitiones oratoriae (50 a C), Brutus (46 a C), Orator (46 a C) e De optimo genere oratorum (44 a C) No eido da filosofía, cómpre citar De res publica (54 a C), onde define o goberno ideal como síntese entre a monarquía, a aristocracia e a democracia; De legibus (52 a C), do que se conservan tres libros; e Hortensius (45 a C), Tusculanae disputationes (45 a C) e De oficiis (44-43 a C), onde expón as teses centrais da filosofía grega segundo Aristóteles. Outras obras son De adivinatione (44 a C), unha das principais fontes sobre as prácticas divinatorias na Antigüidade e os seus tratados de psicoloxía moral como Cato maior (44 a C), sobre a vellez, ou Laelius (44 a C), sobre a amizade. Consérvase tamén a súa correspondencia (Ad Aticus, Ad familiares), documentos de grande interese para o coñecemento do autor e da súa época.
Cronología
-
Deceso
Lugar : Formia -
Nacemento
Lugar : Arpino