Cícladas

Cícladas

Arquipélago do mar Exeo formado por vinte e catro illas maiores e unhas duascentas menores, que constitúe un nomós de Grecia (2.572 km2; 94.005 h [1991]). Destacan as illas de Siros, Delos, Andros, Melos, Tinos, Santorini, Naxos, Paros, Amorgós e Míkonos. A capital é Hermoúpolis, na illa de Siros (13.877 h [1981]). Os seus recursos principais, ademais do turismo, son a agricultura e a pesca. Estas illas poboáronse dende o Neolítico, no que destacou a denominada cultura cicládica que exerceu unha importante influencia artística sobre outros centros do Mar Exeo e que foi absorbida pola cultura micénica durante a Idade do Bronce. Incorporáronse á Liga de Delos (478-477 a C) e permaneceron baixo a influencia ateniense ata a Guerra Social (357-355 a C), cando se rebelaron. Sometidas a Macedonia e a Exipto de xeito alternativo, foron conquistadas no 88 a C por Mitrídates VI Eupátor, rei do Ponto, e posteriormente pasaron ao dominio de Roma. Na Idade Media estiveron baixo o dominio de Venecia ata 1566, ano no que pasaron aos turcos, e a Grecia en 1832.