ciclo

ciclo

(

  1. s m

    Serie de acontecementos ou fenómenos que se suceden e repiten ordenadamente. Ex: O ciclo das estacións repítese ano a ano.

    Ex: O ciclo das estacións repítese ano a ano.

  2. s m

    Período de tempo que xa se dá por concluído e a partir do que se comeza a contar de novo. Ex: O ciclo Alpino comezou hai 225 millóns de anos.

    Ex: O ciclo Alpino comezou hai 225 millóns de anos.

  3. s m

    Conxunto de actos culturais que se celebran en relación cun mesmo asunto ou tema. Ex: O ciclo de conferencias sobre Otero Pedrayo vaise celebrar en Ourense en novembro.

    Ex: O ciclo de conferencias sobre Otero Pedrayo vaise celebrar en Ourense en novembro.

  4. [LIT]
    1. s m

      Conxunto de composicións poéticas, narrativas ou dramáticas relacionadas entre si segundo un criterio temático, cronolóxico ou mesmo de autoría. O principio de construción cíclica impón unha perspectiva mereolóxica, de tal xeito que as obras, sen perder a súa individualidade, non acadan un sentido completo se non se vinculan co conxunto que lles serve de referencia. Partindo destas premisas, o concepto de ciclo pódeselle aplicar a obras moi dispares ao longo da historia literaria, dende os libros que configuran o Antigo Testamento, as Sonatas e as Comedias bárbaras de Valle-Inclán ou o denominado “ciclo do neno” de Xosé Neira Vilas, pasando pola Comédie humaine de Honoré de Balzac ou os Episodios Nacionales de Benito Pérez Galdós. O termo, sen embargo, remóntase á época alexandrina, cando se empregou para designar unha serie de poemas sobre a guerra de Troia. A aparición da narrativa románica medieval estivo vinculada ao principio de construción cíclica, que, baixo o criterio de asociación temática, pretendía ofrecer unha visión totalizadora dos respectivos universos ficionais. A crítica adoita establecer ao respecto unha división triple, que distingue entre “ciclo carolinxio”, “ciclo artúrico ou bretón” e “ciclo clásico” (onde se incluiría o “ciclo troiano”). Os termos desta clasificación foran fixados xa no s XIII por Jean Bodel, quen na súa Chanson des Saisnes os mencionaba, respectivamente, baixo a denominación de “materia de Francia, de Bretaña e de Roma”. Igualmente, a concepción cíclica está estreitamente ligada aos inicios do xénero do roman en prosa, que comezou a cultivarse no marco da materia bretoa a partir de 1200. Deste xeito, compuxéronse unha serie de obras que, tomando como punto de partida un aspecto particular -a vida dun cabaleiro ou a busca do Santo Graal-, intentaban compediar a historia do reinado artúrico. A este principio construtivo responden, por exemplo, os ciclos do Petit Saint-Graal, da Vulgata e da Post-Vulgata. Con todo, a visión totalizadora inherente á concepción cíclica faise patente en obras de indubidable unidade formal, como o Tristan en prose ou Guiron le Courtois.

    2. ciclo carolinxio

      Conxunto de narracións ambientadas na corte de Carlomagno e dos Doce Pares de Francia, que recibiu, así mesmo, o nome de materia carolinxia ou materia de Francia. O xurdimento das historias carolinxias está vinculado ao recordo prestixioso que deixou o monarca franco, restaurador do Imperio Romano, defensor da fe cristiá e impulsor dun renacemento cultural na súa corte de Aquisgrán. As fabulacións arredor do seu reinado cobraron pulo despois de que o poder carolinxio florecese entre os séculos IX e X e a segunda vaga de invasións bárbaras, protagonizada por normandos, maxiares e sarracenos, e de que levase o terror ao Occidente europeo. A obra máis coñecida da materia carolinxia constitúea a Chanson de Roland, cantar épico que narra a derrota das tropas do emperador en Roncesvalles durante unha expedición a España contra os sarracenos e a morte durante a batalla do seu sobriño Roldán. As historias sobre este heroe e o seu tráxico final circularon dende moi cedo por terras peninsulares, segundo demostra unha mención ao respecto conservada nunha das Glosas Emilianenses (finais do século IX) e no carmen latino da Toma de Almería (inicios do século XII). De comezos do século XIII é o chamado Cantar de Roncesvalles, conservado de xeito fragmentario, do que existe unha copia en castelán, aínda que tinxida de trazos gráficos navarros. A aclimatación do ciclo carolinxio na Península Ibérica pódese explicar dende moi diversos puntos de vista: a pegada deixada polo emperador ao sur dos Pireneos, onde establecera a provincia meridional do seu reino, a Marca Hispánica; a ambientación nestas terras da desastrosa campaña que rematou co falecemento de Roldán; a veciñanza das literaturas en langue d’oc e langue d’oïl, que propiciou a adopción dos modelos épicos de procedencia francesa; ou a existencia dunha canle cultural común, como era o Camiño de Santiago. Reelaboracións posteriores acentuaron a vinculación hispánica deste ciclo. Así, a historia de Mainete conta cómo Carlomagno, neto dos reis de Almería, fuxiu da corte franca por temor á súa madrasta e cómo pasou en España a súa infancia e mocidade. En Galicia, a materia carolinxia deixou, igualmente, testemuños dun notable relevo. O máis temperán dos que se conservan atópase no Liber Sancti Jacobi, máis coñecido coma Codex Calixtinus, do século XII, que está depositado no Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela. Nunha das seccións desta obra latina cóntanse as guerras que o emperador mantivo contra os musulmáns en España e cómo liberou os cristiáns peninsulares da ameaza sarracena. A fonte empregada foi a Crónica do Pseudo-Turpín, falsamente atribuída a Turpin, arcebispo de Reims. O Codex Calixtinus sería traducido ao galego tempo despois baixo o título de Miragres de Santiago, obra conservada nun manuscrito de finais do século XIV ou comezos do XV, depositado na Biblioteca Nacional de Madrid. A difusión galega destas narracións está relacionada directamente coa influencia francesa chegada a través do Camiño de Santiago. Resulta significativa, a este respecto, a inclusión das fazañas de Carlomagno nunha obra dedicada esencialmente a exaltar a figura do Apóstolo e o seu templo compostelán. O emperador acode á Península porque o Apóstolo se lle aparecera en soños e o cominara a expulsar os infieis daquelas terras. A campaña militar de Carlomagno, finalmente, convértese nunha verdadeira peregrinación a Compostela, cidade na que se establece durante tres anos, e a Padrón, a onde se achega para contemplar o mar máis occidental da Cristiandade. Os propósitos propagandísticos da sé compostelá quedan máis en evidencia cando se mencionan os favores e doazóns con que Carlomagno enriqueceu a tumba do Apóstolo e o templo a el consagrado. Deste modo, o que pretendía ser o máis importante centro espiritual hispánico, e un dos máis senlleiros de todo o mundo occidental, quedaba asociado ao emperador de Occidente, mítico protector da fe de Cristo.

    3. ciclo troiano

      Conxunto de narracións medievais, en prosa e verso, que toman como eixo temático a guerra de Troia. Á súa vez, o ciclo troiano forma parte da denominada “materia clásica”, que abranguía as historias sobre Alexandre Magno, Eneas, Apolonio de Tiro e a cidade de Tebas. A obra que lle serviu de inspiración ao ciclo troiano foi a Ilíada de Homero, aínda que a fonte directa non a constitúe o poema homérico, senón reelaboracións posteriores que transmitiron á Idade Media a guerra entre gregos e troianos. As versións máis antigas que se conservan ao respecto datan da Baixa Latinidade. No século IV Dares o Frixio compuxo De excidio Troiae historia, tomando como texto de referencia un orixinal perdido escrito en grego; da mesma época son os Ephemeris belli Troiani de Ditis de Creta, que traducía unha obra anterior en lingua grega. Ambas as obras gozaron de gran difusión nos séculos seguintes e Dares e Ditis foron incluídos, mesmo, entre os autores dalgún canon medieval. Estas dúas versións baixolatinas servíronlle de inspiración a Benoît de Saint-Maure para compoñer, cara á metade do s XII, o Roman de Troie. A importancia desta obra reside en que representa un dos primeiros exemplares de roman, xénero propio da literatura cortés, que empregaba nestas manifestacións iniciais os octosílabos pareados. Benoît seguiu, sobre todo, a redacción que lle ofrecía Dares, pero superou a mediocre calidade artística de De excidio escribindo un relato maxistral de loitas cabaleirescas, amor e fantasía. A boa acollida do Roman de Troie propiciou que aparecesen sucesivas reelaboracións e, xa no século seguinte, que fose prosificado; unha destas versións foi utilizada como fonte por Guido de Colonna para elaborar, no derradeiro terzo do século XIII, un relato en prosa latina titulado Historia destruicionis Trojae, tamén chamado Historia Troiana. Na Península Ibérica, como no resto do Occidente europeo, o ciclo troiano acadou unha gran difusión. No s XIII a Estoria de España e a General Estoria de Afonso X amosan pegadas de Dares, Ditis e Benoît de Saint-Maure, entre outros autores. Nesa mesma centuria compúxose a Historia troyana polimétrica, tradución do Roman de Troie onde se alternan pasaxes en prosa e en verso, mentres que do s XIV se conservan traducións de Guido de Colonna ao castelán, ao catalán e ao aragonés. Finalmente, do s XV son as Sumas de historia troyana de Leomarte, que compendiou os relatos do ciclo nunha versión máis asequible e que constituíu a base das primeiras versións impresas, xa a finais da Idade Media e comezos do s XVI. En Galicia hai dous testemuños deste ciclo, a Crónica troiana e a Historia troiana, ambos do s XIV, con evidentes pegadas do roman de Benoît de Saint-Maure. A Crónica consérvase nun único manuscrito, gardado na Biblioteca Nacional de Madrid, e procede dunha tradución castelá que mandara facer Afonso XI de Castela a partir dunha versión portuguesa hoxe perdida; foi traducida ao galego por iniciativa do conde Fernán Pérez de Andrade o Bo nun taller de copia da bisbarra de Betanzos ou Pontedeume, e rematouse o 20 de xaneiro de 1373. A Historia troiana, pola súa banda, apareceu nun manuscrito depositado na Biblioteca Menéndez Pelayo de Santander. Conservada de maneira fragmentaria -falta case a terceira parte da obra-, só oitenta dos seus folios están escritos en galego, fronte a cento corenta en castelán. Posiblemente, o texto que lle serviu de base estivese escrito en castelán, aínda que ateigado de lagoas que algún reelaborador intentou encher inserindo as pasaxes galegas. A popularidade das historias sobre o ciclo troiano durante a Idade Media obedece a dous grandes factores. Por un lado, o prestixio da Antigüidade clásica ofrecíalle ao Occidente medieval un ideal civilizador que funcionou como modelo de imitación. Por este motivo, diversos pobos trazaron xenealoxías fantásticas que lles permitisen remontar os seus ancestros aos gregos e romanos. Así, por exemplo, francos e británicos pretendían ser descendentes de Eneas, xa que ademais de ser de orixe troiana fora o pai fundador do pobo romano. Por outro lado, a ambientación oriental de moitas destas narracións remitía ao mundo impreciso de Asia e do Océano Índico, verdadeiro horizonte onírico dos homes medievais, terras onde situaban as máis abraiantes marabillas e prodixios. A derivación cara ao ámbito do marabilloso deste tipo de narracións percíbese, por exemplo, na versión que o Pseudo-Calístenes levou a cabo da historia de Alexandre o Grande e as súas conquistas en Persia e a India.

  5. s m [LIT]

    Figura retórica consistente en repetir a mesma palabra no comezo e final dunha secuencia.

  6. s m [BOT]
    1. verticilo.

    2. Número de membros, en filotaxe, dunha espira xeratriz.

  7. s m [FÍS]
    1. Serie de fases e de cambios efectuados segundo unha sucesión ordenada mediante a que un mecanismo, unha substancia ou un sistema se ven obrigados, periodicamente ou non, a volver ás súas condicións iniciais.

    2. Parte dun fenómeno periódico que ten lugar durante un período. O ciclo por segundo, empregado como unidade de frecuencia, coñécese como hertz.

  8. s m [LING]

    Unidade aplicada na fonética acústica que afecta á amplitude e á frecuencia dos sons. É o intervalo de tempo medio entre dúas cristas consecutivas dun movemento oscilatorio representado por unha curva sinusoidal. Recibe tamén o nome de período ou vibración dobre.

  9. [LING]
    1. ciclo fonolóxico

      Orde na que cómpre aplicar as regras que fan pasar desde a representación fonolóxica abstracta dunha frase ata a súa efectiva realización fonética, dentro da gramática xenerativo-transformacional.

    2. ciclo sintáctico

      Orde que cómpre seguir nas transformacións que producen unha frase complexa, ou que segue unha frase que contén outras inseridas, dentro da gramática xenerativo-transformacional. A idea do ciclo implica comezar a aplicación das transformacións pola frase inserida máis profundamente.

  10. [INFORM]
    1. s m

      Cada unha das repeticións dun bucle.

    2. ciclo de acceso á memoria

      Período no que se repite a secuencia de operacións que compoñen a transferencia de datos entre a memoria e o exterior. A brevidade relativa dun ciclo de memoria (medida polo seu tempo de acceso) é un factor fundamental na determinación da velocidade dun ordenador, xa que impón un límite superior na frecuencia coa que se pode facer referencia á memoria.

  11. s m [QUÍM]

    anel.

  12. [TECNOL]
    1. s m

      Serie de operacións efectuadas polos gases operantes no cilindro e que se repiten periodicamente.

    2. ciclo de catro tempos

      Ciclo no que se distinguen as seguintes fases: admisión, comprensión, explosión e escape. Teoricamente, a admisión comeza ao abrirse a válvula de admisión co pistón no PMS (punto morto superior) e remata no PMI (punto morto inferior). Neste punto comeza a compresión da mestura e, coa válvula de admisión pechada, o pistón sobe ata o PMS. Daquela ten lugar a explosión e os gases expándense empurrando o pistón cara ao PMI; a continuación ábrese a válvula de escape, e o pistón co impulso sobe cara ao PMS e expulsa fóra do cilindro os gases queimados. Na práctica, sen embargo, as válvulas non se pechan nin se abren nos puntos mortos, senón que se aplica un avance na abertura e un retraso no peche co fin de obter un rendemento máximo.

    3. ciclo de dous tempos

      Ciclo con dúas fases: admisión-comprensión e explosión-escape. A primeira ten lugar durante a carreira de retorno, e a segunda durante a de traballo. A admisión comeza antes do remate da carreira de traballo, e o escape continúa durante o comezo da de retorno, de maneira que a admisión e o escape coinciden durante unha parte do ciclo, fenómeno coñecido como varrido. Durante a comprensión, o pistón, na súa carreira ascendente, destapa o respiradoiro de admisión e aspira gases frescos dentro do cárter; durante a expansión, o pistón, na súa carreira descendente, destapa o respiradoiro de expulsión por onde saen os gases queimados, mentres que empurra os gases contidos no cárter e os leva dentro do cilindro a través do respiradoiro de admisión.

  13. ciclo biolóxico/ciclo vital

    Conxunto de cambios que experimenta un organismo ou unha serie de xeracións de organismos, desde a fecundación do ovo ata a reprodución de gametos.

  14. ciclo biosférico/ciclo bioxeoquímico [ECOL]

    Ciclo que completa un elemento químico ou un composto na natureza. Os elementos químicos da biosfera pasan por ciclos xeometeorolóxicos (como o ciclo da auga) ou biolóxicos (como os ciclos do carbono, do nitróxeno, do osíxeno, do fósforo e do xofre).

  15. ciclo económico [ECON]

    Cambio pequeno e moi regular do nivel da actividade económica que, dunha maneira persistente, foi alterando a marcha xeral da economía nos países capitalistas desenvolvidos desde finais do s XVIII. O ciclo comprende normalmente dous períodos: a expansión (ou prosperidade) e a contracción (ou depresión), con dous puntos de inflexión: a crise (ou recesión) e a recuperación. Estableceuse a existencia de tres clases de ciclos: un ciclo curto, ou de Kitchin, duns corenta meses; un ciclo medio, ou de Jutglar, duns oito a dez anos; e un ciclo longo, ou de Kondratieff, duns cincuenta anos. Para os economistas marxistas, os ciclos son os reflexos das leis do proceso de reprodución capitalista e, polo tanto, son inevitables. O impacto da gran depresión dos anos trinta e, posteriormente, a aparición no ano 1936 da obra de Keynes The General Theory of Employment, Interest and Money (A teoría xeral do emprego, interese e diñeiro) marcaron un cambio de orientación definitiva no mundo capitalista. Despois da Segunda Guerra Mundial os países capitalistas desenvolvidos decidíronse polo mantemento de programas pouco ou moi dirixistas. Adoptáronse diferentes políticas anticíclicas, con medidas que estaban encamiñadas, tanto a tratar de evitar as anomalías que crean as expansións ou prosperidades económicas coma a intentar previr e evitar as crises ou depresións máis graves. Non obstante , as diferentes políticas anticíclicas aplicadas non permitiron eliminar o problema do ciclo económico.

  16. ciclo educativo [EDUC]

    Unidade temporal constituída por varios anos ou cursos escolares nos que os alumnos deben adquirir un conxunto específico de contidos, actitudes, valores e destrezas, que se materializan na consecución dos obxectivos propios dunha etapa ou nivel educativo. Reflite, polo tanto, un tempo limitado que organiza os procesos educativos pero que tamén comprende unha matizada e precisa xustificación psicolóxica, pedagóxica, sociolóxica e organizativa. Así, engade a cada etapa ou nivel educativo unha nova significación e mesmo singularidade porque ofrece moitas máis posibilidades que o tradicional curso académico para solucionar os efectos uniformadores do sistema graduado, co que permite unha mellor adecuación da intervención didáctica ás características individuais dos alumnos. En España houbo un momento no que esta cuestión se materializou de xeito expreso para tentar dar máis unidade aos procesos educativos e adaptar mellor o proceso de ensino-aprendizaxe ás situacións evolutivas dos alumnos, e mesmo flexibilizar a organización escolar. O Real Decreto 69/1981, que desenvolvía os “programas renovados”, explicaba que os ciclos constituían as unidades básicas da organización pedagóxica, a programación, a avaliación e a recuperación dos alumnos. Desde os supostos teóricos da reforma educativa de 1990 (LOXSE), estes obxectivos medraron en sintonía coas intencións que este documento legal achega en relación a aspectos como a diversidade ou a igualdade de oportunidades. Existe unha tendencia nun gran número de países a estruturar o ensino en ciclos que abranguen todos os niveis do sistema educativo. Resulta moi significativo que sexan os niveis infantís, primario e universitario nos que mellor aceptación e adaptación existe con respecto a eles, entendidos como unidades básicas con autonomía propia. Non obstante , na etapa correspondente ao ensino secundario ofrece máis dificultades, sobre todo no que respecta á avaliación, á recuperación e mesmo á promoción de curso.

  17. ciclo hidrolóxico [METEOR]

    Conxunto de procesos que experimenta a auga ao mudar de estado, como consecuencia dos mecanismos de transferencia de enerxía que se establecen entre a superficie terrestre e a atmosfera. Así, o vapor de auga condensado nas nubes convértese en líquido e sólido, e ao chegar ao seu punto de condensación precipítase á superficie, caendo nun ou noutro dos dous estados de agregación, en función da temperatura do ambiente: sobre ela pode filtrarse (augas freáticas), escorregar (cursos fluviais) ou estancarse (lagos, pantanos, casquetes glaciares), para posteriormente evaporarse e volver á atmosfera, co que se completa o ciclo.

  18. ciclo de erosión [XEOG]

    Concepto desenvolvido por W. M. Davis no ano 1900, no que explica a evolución do relevo baixo a acción dos axentes erosivos. Segundo este concepto, na formación do relevo pódese diferenciar unha primeira fase (etapa de xuventude), na que se produce un levantamento froito dun movemento oroxénico. Posteriormente, e como consecuencia sobre todo da acción da rede hidrográfica, o relevo sofre un rebaixamento (etapa de madurez). Por último, chega a etapa de senilidade, na que o relevo está practicamente aplanado, disposto para que se inicie de novo o ciclo. O concepto de ciclo de erosión substituíuse pola idea de evolución, que considera que tectoxénese e erosión non son procesos separados, senón que teñen lugar simultaneamente e que se inflúen mutuamente.

  19. ciclo de sedimentación [XEOL]

    Proceso sedimentario no que se forma o sedimento, se transporta e finalmente se deposita, co que volve a comezar o proceso cando a erosión actúa sobre estes depósitos.

  20. ciclo litúrxico [RELIX]

    Período do ano litúrxico dedicado a celebrar un dos misterios principais de Cristo. Durante séculos a liturxia romana tivo dous grandes ciclos: o de Nadal (co Advento e cos tempos posteriores á Epifanía) e o de Pascua (coa Coresma e o tempo de Pentecoste).

  21. ciclo lunar

    Período de tempo no que, unha vez transcorrido, o Sol e a Lúa se atopan novamente nas mesmas posicións relativas e, en consecuencia, repítense as fases da Lúa nas mesmas datas. O ciclo lunar ten unha duración de 235 lunacións, equivalentes a dezanove anos trópicos ou 6.939,60 días. O astrónomo grego Metón, xunto con Eutemón, calculouno por primeira vez, polo que tamén se coñece como ciclo de Metón ou ciclo metónico.

  22. ciclo solar

    Período de tempo tralo que os días da semana se repiten nas mesmas datas do ano. No calendario xuliano é de vinte e oito anos, mentres que no gregoriano é de catrocentos.

  23. ciclo termodinámico [FÍS]

    Proceso cíclico, ou secuencia de transformacións, dun sistema termodinámico no que ao seu remate o sistema queda no mesmo estado termodinámico que estaba ao principio. Nun ciclo pechado o sistema está illado do exterior, e nun ciclo aberto pode haber intercambios de materia e enerxía co exterior. Os ciclos termodinámicos permiten a conversión de calor en traballo útil e constitúen a base de moitas máquinas. Entre os ciclos teóricos destaca o ciclo de Carnot, e entre os ciclos reais, o de Otto, o de Diesel e o de Rankine.

  24. ciclo xeolóxico [XEOL]

    Ciclo constante de creación e destrución experimentado pola Terra. Divídese en tres fases: xurdimento, erosión e sedimentación. O ciclo xeodinámico externo aplícase aos procesos de erosión química e mecánica que van destruíndo as rochas e transportando os fragmentos que posteriormente formarán novas rochas (diaxénese); e o ciclo xeodinámico interno alude ao proceso polo que as novas rochas sedimentarias se deforman ou se fracturan por procesos oroxénicos que forman novas montañas, poden sufrir metamorfismo e poden producirse fenómenos volcánicos ou plutónicos (epixénese).