ciclo da vida, O

ciclo da vida, O
[LIT]

Ensaio da autoría de Fina María Antón e Manuel Mandianes publicado en 1998. A través das súas follas, o lector introdúcese no mundo das tradicións, crenzas e supersticións da vida cotiá galega que conforman toda unha filosofía da vida, reflectida acotío nos pequenos actos diarios e da que, polo xeral, non hai consciencia. É unha análise do subsconciente galego dende a dinámica da sociedade tradicional galega e dende a sabedoría popular para chegar ao seu coñecemento; a realidade descóbrese a partir de fontes directas: ritos, festas, romarías, refráns, lendas, poemas e crenzas. O título da obra xustifícase pola súa estrutura, dividida en catro partes, cunha conclusión onde se reproduce o ‘ciclo vital’ dos galegos. A primeira parte (“Saídos da auga”) trata a fase do nacemento (concepción, xestación, nacemento, bautismo e infancia) e todo o que se deriva disto: educación, curación de enfermidades, protección do rapaz, etc; na segunda parte (“Que sexa para ben”) fálase da mocidade e do casamento, e profundízase nas festas e reunións propias de mozos e mozas, do noivado e da vida de casados; a terceira parte (“Morreu un lume”) céntrase no tema da morte, dos ritos que rodean as doenzas, o velorio, o cortexo fúnebre, o enterro e os elementos simbólicos característicos da tradición galega, como son o loito e as campás; finalmente, na última parte (“Os mortos están vivos”) a morte é a protagonista; analízase o mundo do máis alá e as crenzas galegas sobre as ánimas. Os autores, a partir dunha investigación pormenorizada e dunha forma amena e ilustrativa, achegan ao lector a cerna da vida e tradición galegas e conforman o libro da filosofía galega da vida.

Palabras veciñas

ciclite | ciclo | ciclo 18 | ciclo da vida, O | Ciclo de San Francisco, mestre do | ciclo- | cicloalcano