Cid Cabido, Xosé

Cid Cabido, Xosé

Escritor. Foi coordinador de edicións literarias e dicionarios en Edicións Xerais de Galicia, onde creou e dirixiu a colección Ferros. Creou a tendencia literaria denominada evidencialismo, definida na práctica a través da súa prosa dende 1990, ano do primeiro texto evidencialista, “Extenuación”, incluído no libro Oralmente pola boca (1997). Da súa produción destacan, ademais, O intercepto (1986), Foumán (Premio Café de Catro a Catro de novela curta, 1987), O camiño de Middelharnis (1988), Días contados (Premio Cidade de Lugo, 1991), Panificadora (Premio Blanco Amor, 1994), Grupo abeliano (Premio Blanco Amor, 1999). No eido teatral é autor da obra Copenhague, en colaboración con Andrés Álvarez Vila, obra gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro en 1992 e estreada en 1995 pola compañía Uvegá Teatro, baixo a dirección de Manuel Lourenzo. Presentada como “comedia evidencialista”, corrente literaria que propugna facer visible o evidente, a obra destaca pola súa espontaneidade e sinxeleza, polos xogos que propón e pola acertada dose de ideoloxía que contén. É un texto que racha a ilusión teatral para amosar o proceso de escritura dramática no que un actor e un autor van dando forma ás súas teimas, coa valoración das posibilidades de diferentes elementos formais e a presentación de posibles dramatizacións de moi diversos recursos temáticos.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Xunqueira de Ambía