Cidadela
Campamento romano situado á beira da vía 20 que enlazaba Lucus con Brigantium que parece responder a móbiles estratéxicos, como control do paso das mercadorías dende Brigantium cara ao interior. Datado a principios do s II, permaneceu ocupado ata finais do s IV e acolleu unha unidade militar auxiliar con cabalería que procedía do N de África, a Cohors I Celtiberorum. Identificada como campamento romano en 1934 por Ángel del Castillo, García Bellido retomou as escavacións en 1969, que non tiveron continuidade ata 1981, cando o arqueólogo J. M. Caamaño Gesto iniciou un novo período de traballos que proseguiron en 1983 e despois de 1989. O escavado permitiu descubrir un sistema defensivo formado por unha muralla que pechaba un recinto rectangular, coas esquinas redondeadas e as torres proxectadas cara ao interior do campamento, un foxo ao redor e, achegada ao interior da muralla, unha estancia na que apareceu unha ara dedicada a Fortuna. No alto da serra da Corda, que rodea o campamento, existen ademais dous túmulos megalíticos reutilizados como postos de vixilancia e situados ao norte e ao sueste do campamento. Logo da marcha dos romanos, o campamento empregouno unha poboación xermánica. Constitúe o único xacemento arqueolóxico propiedade da Xunta de Galicia e os traballos de investigación están a cargo do Departamento de Historia I da Universidade de Santiago de Compostela.