Cidrás Escáneo, Francisco Antonio

Cidrás Escáneo, Francisco Antonio

Lingüista. Foi profesor da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo (1986-1987) e, desde 1987, profesor de lingua galega na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Entre 1991 e 1992 realizou unha estadía de investigación no departamento de Lingüística da Universidade de Lisboa. Dende 1984 colabora no estudo de lexicografía e gramática realizado polo Instituto da Lingua Galega. Participou ademais en diferentes proxectos de investigación en lingüística galega, entre os que destacan Gramática histórica da lingua galega (1992-1995), Gramática descritiva da lingua galega (1995-1998) e Sintaxe descritiva da lingua galega (a partir de 1998). Colaborador en diversas revistas e publicacións especializadas, publicou varios artigos sobre lingüística galega, especialmente no eido da sintaxe, entre os que destacan “As construcións pronominais en galego” (1991), “Modelos de lingua e variación sintáctica” (1994), “Marcaxe preposicional de obxecto en galego” (1998), “Construcións medias e impersoais como construcións sintácticas distintas” (2000) e “Relacións atributivas na frase nominal” (2001). Publicou, entre outras obras, Construcións pasivas en galego (1991) e, en colaboración con outros autores, Dicionario da lingua galega (1990) e Guía bibliográfica de lingüística galega (1996). Traduciu ao galego obras técnicas e literarias, entre as que cómpre destacar, Gallaecia Scandinavica (1986), Heroes, monstros e outros mundos da mitoloxía rusa (1986) e Ai, Filomena, Filomena! (1989).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra