Cierva y Peñafiel, Juan de la
Político. Deputado da extrema dereita do partido conservador por Mula (Cádiz) en 1896, exerceu como ministro de Instrución Pública no efémero goberno de Azcárraga (1904). En 1907 foi nomeado ministro de Gobernación con Maura; neste cargo destacou pola súa actitude coercitiva nos acontecementos da Semana Tráxica de Barcelona en xullo do 1909. Como consecuencia detiveron a Francisco Ferrer para sometelo a xuízo e despois executárono. Esta morte causou grande expectación en Europa e foi a causa inmediata da caída de Maura do poder. En 1917, durante o goberno de concentración de García Prieto, foi ministro de Guerra e amparou as Juntas militares de defensa, o que lle permitiu manexar a moitos dos seus integrantes e usalos como presión política para apoiar as súas pretensións de instaurar unha ditadura. Non conseguiu este obxectivo e as Juntas disolvéronse a finais de 1922. Foi ministro de Facenda durante o goberno de Maura (1919), de Fomento no gabinete Allendesalazar (1921), de Guerra con Maura (1921-1922) e de Fomento, novamente, no último goberno monárquico presidido por Aznar (1931). Cando se instaurou a República marchou a Francia pero regresou no 1933. Coa proclamación da Guerra Civil, refuxiouse na legación de Noruega, onde morreu.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Murcia -
Deceso
Lugar : Madrid