cigala
(< lat cicāda‘chicharra’)
Crustáceo de corpo alongado e aplastado de ata 24 cm de lonxitude, de cor rosada e con franxas de cor avermellada. Presenta un cefalotórax pequeno e duro con ollos grandes, antenas máis longas ca o corpo e anténulas bífidas. As pinzas de puntas arqueadas son longas, aplanadas e con tres ringleiras de espiñas curtas e grosas; o segundo e o terceiro par de patas remata nunhas pequenas pinzas e o cuarto e o quinto en unllas. Son sexualmente maduros aos 4 ou 5 anos e as postas, duns 4.000 ovos, teñen lugar en anos alternos. A femia porta os ovos durante nove meses, tralos que nacen larvas de tipo mysis que forman parte do plancto durante unhas 3 semanas. Logo baixan a fondos brandos situados entre os 200 e os 400 m. Son depredadores nocturnos que pasan o día agachados en fendas ou enterrados baixo a lama onde furan tobos, aínda que tamén se poden manter cos ollos pedunculados por riba do substrato. Distribúese polo Atlántico oriental, dende Islandia ata Marrocos e polo Mediterráneo. A súa época ideal é a primavera e adóitase consumir cocida ou á prancha, aínda que admite a fritura e a grella, e son apreciadas as receitas nas que forma parte de arroces e en ensaladas.