cigarrón

cigarrón
s m [ETN]

Máscara do entroido galego, tamén coñecida como peliqueiro, típica da zona de Verín e Laza. Aínda que os dous nomes se utilizan en ambas as dúas localidades, é en Verín onde tenden a empregar cigarrón, e en Laza onde escollen a forma peliqueiro. Tradicionalmente estas máscaras simbolizan a xuventude, a masculinidade e, sobre todo, a subversión da norma: a liberdade e o exceso. O cigarrón golpea a xente cun látego (formado por un mango, unha argola e unha pértega de badana) ou cun pau terminado nunha vexiga, levanta as saias ás rapazas e obriga a quen captura a convidalo a viño. Non obstante , non se pode tocar o cigarrón, a única defensa permitida é o insulto; por iso, o cigarrón mantén a súa identidade no anonimato para que os seus defectos e as súas fraquezas non sexan revelados en público. Taboada Chivite recolle unha lenda que fai dos cigarróns os encargados polos condes de Monterrei de cobrar os impostos. González Reboredo interpreta o cigarrón como unha representación da animalidade: come e bebe en exceso, ataca as mulleres, non pode falar e arranca os alimentos coas mans. Etimoloxicamente a voz cigarrón se interpretou como unha derivación de cigarra, xa que, o son desprendido polas chocas (cencerros) desta máscara, imitaría o son do animal. Bouza Brey, pola contra, puxo o nome en relación co pobo prehistórico dos cigurros. Non obstante , parece que a palabra cigarrón ten a mesma orixe que zagarrón e zafarrón (nomes de certas máscaras de León e Zamora): o árabe çahron ‘home ridículo’; desta mesma palabra deriva masjara ‘máscara’. O seu traxe está composto por unha camisa branca, gravata vermella, chaquetiña curta de seda con distintos adornos dourados e panos de cores, faixa, calzón curto de seda con borlas de la ou pondóns de cores, liga, medias brancas de fantasía e zapatos baixos e negros. Na cintura leva unha faixa de seda sobre a que vai colocado un cinto de coiro con cinco ou seis chocas machos e femias de gran tamaño. Outros elementos característicos son a carauta, feita de madeira cunha especie de mitra de latón na que están pintados distintos animais e un mallo co que bate a xente.