Cigarrosa, ponte da

Cigarrosa, ponte da

Construción de enxeñería romana que serviu para atravesar o río Sil entre a Rúa e Petín, no lugar onde se supón que estivo a mansión Forum Cigarrorum, na vía 18 do Itinerario Antonino. Da orixinaria ponte romana, que chegou a acadar 6,5 m de ancho, só restan os alicerces directamente fincados sobre as rochas. Durante a Idade Media debeu sufrir algunha reconstrución, xa que este itinerario volveu ter importancia para o paso dos peregrinos que se dirixían ao santuario da Virxe das Ermidas ou ben querían enlazar coa Ruta da Prata ou co Camiño Francés. En 1575 foi reconstruída polo mestre canteiro Juan de Nobeda que posiblemente lle deu o aspecto actual, con cinco arcos.