Cilicia

Cilicia

Rexión do S de Anatolia, na costa situada entre a serra do Tauro e o Mar Mediterráneo. É unha chaira fértil, chave de paso do altiplano de Anatolia aos grandes vales mesopotámicos e do Levante, polo porto do centro do Tauro, coñecido como as portas de Cilicia ou a porta de Ferro. Está situada entre os iller de Içel e Adana, en Turquía. A abertura cara a Siria e Mesopotamia favoreceu unha rápida expansión das novidades económicas neolíticas. A rexión costeira foi invadida durante o Eneolítico por grupos de inmigrantes chegados desde Occidente. No s XVI a C a rexión oriental estaba ocupada polo Reino de Kizzuwatna, que asinou un tratado cos hititas, co que se converteu nun protectorado que mantivo certa independencia. Incluída dentro da órbita asiria no s IX a C, foi anexionada por Sargón II. Os cimerios invadiron a rexión, que caeu baixo o dominio persa, e Ciro o Grande incorporouna ao seu Imperio, na satrapía de Capadocia. A presenza de colonias gregas foi permanente desde a época arcaica, pero no s IV foi conquistada por Alexandre o Grande. Integrada no Imperio Seléucida, converteuse en provincia romana no 102 a C. Coa división do Imperio Romano, Cilicia quedou incluída no Imperio de Bizancio e sufriu os ataques persas. Foi conquistada polos árabes (641-647) e reconquistada polos bizantinos (962-965). Durante o século seguinte iniciouse a formación do inestable Reino de Armenia.