Cione, Andrea di

Cione, Andrea di

Arquitecto, pintor e escultor. Coñecido como L’Orcagna, documéntase activo en Florencia entre 1343 e 1368. A súa obra arquitectónica é bastante descoñecida, aínda que se lle atribúen traballos parciais na catedral de Orvieto (1359-1362) e na de Florencia (1362). Realizou o tabernáculo da Virxe en Orsanmischele (Florencia, 1359). A súa obra pictórica relaciónase coas propostas de Giotto, aínda que incorpora unha maior presenza dos elementos decorativos. Entre as súas obras destacan A Anunciación da igrexa de san Remigio (Florencia, 1346) e unha táboa con Cristo en gloria entre anxos e santos da capela Strozzi, en Santa Maria Novella (1354-1357). Atribúenselle un políptico na Accademia Fiorentina e os fragmentos do Triunfo da morte no Museo dell’Opera di Santa Croce. Influíu na pintura toscana da segunda metade do s XIV e tivo como discípulos a artistas como Francesco d’Arezzo ou Betto di Francesco.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Florencia