ciprés
(< lat tardío cypressus
-
[PLANTA]
-
s
m
Árbore ximnosperma do xénero Cupressus da familia das cupresáceas de ata 30 m de altura. Presenta un tronco recto, casca fibrosa con estrías verticais e unha follaxe escura e densa formada por pequenas follas con forma de escama de entre 0,5 e 1 mm, opostas e imbricadas, de cor verde escura cun suco no revés. As piñas masculinas, dispostas no extremo das pólas, teñen forma ovoide e acadan os 8 mm, e as piñas femininas son redondas e de escamas leñosas de ata 4 cm de diámetro. Son árbores moi lonxevas que poden vivir máis de mil anos (consérvanse tres exemplares no medio do deserto do Sahara). Esta longa vida fixo que se convertese no símbolo da inmortalidade, polo que se planta frecuentemente nos cemiterios. A madeira é de cor parda amarelenta e aromática, e consérvase moito tempo sen apodrecer baixo a auga, polo que se empregou para a fabricación de barcos. Tamén se utilizou, xunto co cedro, na construción dos grandes palacios. Ademais do xénero Cupressus reciben a denominación de ciprés, polo seu parecido, as árbores da familia das taxodiáceas.
Sinónimos: alcipreste. -
ciprés californiano/ciprés de Monterey [cast: ciprés californiano; ingl: Monterey cypress] [Cupressus macrocarpa, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 30 m de altura, de porte cónico, cortiza parda fendida lonxitudinalmente e follas en forma de escama de cor verde escura e cheiro a limón ao fretalas. As piñas son algo alongadas, de ata 35 mm de lonxitude, e de entre 8 e 10 pezas leñosas. É unha especie orixinaria de California con capacidade para resistir solos salinos. En Galicia está presente como árbore ornamental en parques e xardíns. Tamén se denomina cedro californiano e cedro do incenso.
-
ciprés cartaxinés [cast: arar, alerce africano, sabina de Cartagena] [Tetraclinis articulata, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 15 m de altura, de porte piramidal, con follas en forma de escama en verticilos de catro e con aparencia articulada. Posúe unha piña de ata 12 mm de catro pezas leñosas triangulares. É unha especie orixinaria do norte de África e de Malta. Na Península Ibérica existe unha pequena representación no sur da costa levantina.
-
ciprés chinés [Glyptostrobus lineatus, Fam das taxodiáceas]
Árbore caducifolia de ata 15 m de altura. Presenta follas en acícula e piñas de ata 18 mm de lonxitude cun longo pedúnculo. É propia dos pantanos do S de China e Taiwán.
-
ciprés de Arizona [cast: ciprés de Arizona] [Cupressus arizonica, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 20 m de altura, de casca parda que se volve agrisada co tempo e que rompe en pequenas placas, con follas en escama de cor azulada e con glándulas dorsais visibles. As piñas, dispostas en grupos, teñen un tamaño de entre 20 e 25 mm de diámetro e están fomadas por 6 ou 8 pezas leñosas. É unha especie orixinaria do sudoeste dos EE UU e do N de México. A madeira, de cor amarela, emprégase en carpintería.
-
ciprés de Formosa [cast: ciprés de Formosa] [Chamaecyparis formosensis, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 50 m de altura de pólas aplanadas, con follas en forma de escama triangular, imbricadas e dispostas de catro en catro, e con follas laterais de ápices erguidos. A cara superior é de cor verde e a inferior de cor abrancazada. Posúe piñas de ata 10 mm de diámetro. Orixinario da illa de Formosa, pode vivir máis de 1.500 anos.
-
ciprés de Gowen [cast: ciprés de Gowen] [Cupressus goveniana, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 15 m de altura, de casca fibrosa de cor castaña escura, con follas en forma de escamas dispostas en verticilos de catro. Posúe piñas de ata 18 mm de diámetro e de ata dez escamas de punta revirada. É unha especie endémica de California.
-
ciprés kashmirés [cast: ciprés cachemirés] [Cupressus cashmeriana, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 20 m de altura, de porte cónico e pólas pendurantes, con follas en forma de escama e piñas cinsentas que acadan os 15 mm de diámetro. É orixinaria da India e do Tibet.
-
ciprés de Hinoki [cast: ciprés de Hinoki] [Chamaecyparis obtusa, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 40 m de altura, de casca loura gretada. Dela despréndense escamas alongadas de porte piramidal, e follas con forma de escama opostas con marcas de cor branca en forma de X na cara inferior e que ao fretalas cheiran a resina. O ramallo é aplanado. As inflorescencias masculinas, de ata 12 mm de diámetro, son de cor carmín e as piñas de cor castaña avermellada. É unha especie orixinaria de Xapón, onde pola calidade da súa madeira, de cor amarela e moi aromática, emprégase en construcións imperiais e relixiosas.
-
ciprés de Lawson [cast: ciprés de Lawson; ingl: Lawson cypress] [Chamaecyparis lawsoniana, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 38 m de altura con follas cunha serie de liñas brancas de estomas en forma de X e cheiro a pirixel ao fretalas. As inflorescencias masculinas son de cor avermellada.
-
ciprés de Leyland [cast: ciprés de Leyland] [Cupressocyparis leylandii, Fam das cupresáceas]
Árbore de porte columnar de follas con forma de escamas algo aromáticas e piñas de 20 mm de diámetro. É unha especie híbrida que xurdiu en 1888 en Gales a partir do cruce espontáneo do ciprés de Nootka e do ciprés californiano.
-
ciprés de Nootka [cast: ciprés de Nootka] [Chamaecyparis nootkatensis, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 40 m de altura, de porte cónico e pólas pendurantes. A casca despréndese en tiras, e presenta follas con forma de escama imbricadas en filas de catro. A inflorescencia masculina é de cor amarela verdosa. As piñas acadan os 14 mm de diámetro. É orixinaria das costas do Pacífico, dende Alasca ata California. Foi descuberta en 1793 na illa de Nootka. A madeira amarela e aromática ten un alto interese comercial.
-
ciprés de Nova Inglaterra [cast: ciprés de Nueva Inglaterra] [Chamaecyparis thyoides, Fam das cupresáceas]
Árbore de follaxe verde azulada que posúe unhas follas cunha glándula resinífera dorsal e piñas de entre 5 e 7 mm de diámetro e de seis a oito escamas. Orixinaria do oriente norteamericano, en Galicia está presente en parques e alamedas.
-
ciprés de Sawara [cast: ciprés de Sawara] [Chamaecyparis pisifera, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 45 m de altura, coa casca de cor castaña avermellada que se desprende en tiras estreitas. Presenta porte piramidal no que as pólas inferiores chegan a repousar no chan. As follas son imbricadas co ápice agudo e o envés posúe unha placa branca de estomas que ao fretalas cheiran a resina. As piñas, que acadan os 8 mm de diámetro, presentan entre 10 e 12 pezas leñosas cunha espiña curta e grosa no dorso. É unha especie endémica de Xapón que se cultiva como ornamental e para a obtención de bonsais. A madeira, de cor alaranxada, emprégase en carpintería.
-
ciprés do incenso [cast: ciprés del incienso] [Calocedrus decurrens, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 45 m de altura e de casca rubia que se desprende en anacos. Presenta poliñas dispostas nun mesmo plano en forma de abano e piñas de ata 25 mm de lonxitude, con seis escamas lisas de forma oval. Ao queimar a follaxe e a madeira produce un cheiro semellante ao do incenso. Orixinario do oeste de Norteamérica, en Galicia emprégase como árbore ornamental nos parques.
-
ciprés dos pantanos [cast: ciprés de los pantanos] [Taxodium distichum, Fam das taxodiáceas]
Árbore cadufolia de ata 45 m de altura, de casca castaña avermellada e a base do tronco ancha, con engrosamentos a xeito de contrafortes. Grandes pneumatóforos, que constitúen raíces que lles subministran osíxeno aos órganos subterráneos cando o terreo está asolagado, rodean o tronco. Presenta follas en acícula de cor verde amarelenta de ata 17 mm de lonxitude. As súas piñas, que carecen de pedúnculo, teñen ata 30 mm de diámetro. É orixinaria dos pantanos do sueste de Norteamérica. A súa madeira, de cor vermella escura, apréciase moito pola persistencia á intemperie. Emprégase como ornamental en estanques.
-
ciprés dourado [cast: ciprés dorado] [Chamaecyparis obtusa, Fam das cupresáceas]
Árbore de follaxe entre amarela e dourada, de cheiro resinoso, cunhas follas que presentan unhas liñas brancas de estomas formando un Y. As inflorescencias masculinas son de cor amarelada e as piñas, que miden menos de 1 cm, contan con oito escamas provistas de puntos pequenos. Orixinaria de Xapón, en Galicia está presente como ornamental en alamedas e parques.
-
ciprés grego [port: cipreste; cast: ciprés común; ingl: Mediterranean cypress] [Cupressus sempervirens, Fam das cupresáceas]
Árbore de follaxe verde escura e cheiro resinoso, con piñas de entre 20 e 35 mm de diámetro de dez a catorce escamas pentagonais e sen mucrón. Orixinaria de Grecia e Creta, onde subsisten algúns bosques en áreas de montaña, emprégase como ornamental en toda a rexión mediterránea. En Galicia é frecuente nos cemiterios e nos pazos.
-
ciprés mexicano [cast: ciprés mejicano] [Taxodium mucronatum, Fam das taxodiáceas]
Árbore de ata 37 m de altura, con porte en forma de candelabro e follas bianuais en acícula. É orixinaria de México, onde existen exemplares con troncos de ata 34 m de perímetro e preto de 2.000 anos.
-
ciprés portugués [port: cedro de Buçaco; cast: ciprés portugués; ingl: Mexican cypress] [Cupressus lusitanica, Fam das cupresáceas]
Árbore de ata 30 m de altura, con porte cónico, casca grosa fibrosa e de cor cinsenta. As follas son en escama, agudas, con glándulas resiníferas pouco visibles e de cor verde azulada. As piñas acadan os 15 mm de diámetro e presentan entre 6 e 10 pezas leñosas cunha pequena espiña no centro. Orixinaria de México e Centroamérica, en Galicia constitúe unha árbore ornamental pouco común en parques. A madeira é resistente e aromática e emprégase en carpintería.
-
ciprés xaponés [cast: ciprés japonés] [Cryptomeria japonica, Fam das taxodiáceas]
Árbore de ata 37 m de altura, de casca loura que se desprende en fibras. Orixinaria de Xapón, en Galicia está presente como árbore ornamental nos xardíns.
-
s
m
-
s
m
Madeira desta árbore. Ex: Vimos mobles de ciprés.
Ex: Vimos mobles de ciprés.