circonio
(
-
s
m
[QUÍM]
Elemento metálico da segunda serie de transición, de número atómico 40, que pertence ao grupo IVB da táboa periódica. Está constituído por unha mestura de cinco isótopos, con masas de 90 (51,46%), 91 (11,23%), 92 (17,11%), 94 (17,40%) e 96 (2,80%), que determinan un peso atómico de 91,22. Descubriuno N. H. Klaproth en 1789 e no ano 1824 J. J. Berzelius illouno en forma relativamente pura. É o décimo quinto elemento máis abundante da codia terrestre, da que constitúe o 0,015% en peso. Tamén abunda nas estrelas de tipo S e na Lúa. Os seus minerais máis importantes son a baddeleyita (ZrO 2 ) e o circón (ZrSiO 4 ). O 96 Zr é radioactivo, cunha vida media superior a 3,6x10 17 anos. Ademais coñécense quince radioisótopos artificiais; entre estes, o 95 Zr, cunha vida media de 63 días, emprégase como marcador. A obtención do metal realízase a partir do tetracloruro (ZrCl 4 ) mediante o procedemento de Kroll. Os minerais transfórmanse no carburo de circonio (ZrC), que se converte no tetracloruro, que se purifica por destilación e se reduce finalmente con magnesio. O metal é de cor gris brillante, duro, cunha densidade de 6,506 g/cm 3 , que funde a 1.856°C e ferve a 4.377°C. É dúctil e fácil de traballar, e ten unhas boas propiedades de transferencia da calor e de resistencia á corrosión. Dende o punto de vista químico, o circonio é medianamente reactivo. Finamente dividido, combínase co osíxeno mediante ignición, especialmente en quente, mentres que en forma compacta a oxidación é moito máis lenta. Combínase directamente, en quente, coa maioría dos non metais. A auga, os álcalis, o ácido clorhídrico e o ácido nítrico non o atacan, pero disólvese en ácido sulfúrico, auga rexia e ácido fluorhídrico. Presenta como único estado de oxidación estable o de 4+ e coñécense tamén os haloxenuros correspondentes aos estados 2+ e 3+. O circonio forma diversos óxidos dobres e oxisales. Ten numerosas aplicacións, derivadas fundamentalmente da súa resistencia á corrosión e da pequena sección de captura neutrónica. Deste xeito, emprégase moito na construción de reactores nucleares e na protección superficial dos elementos de combustible; na industria química aplícase na fabricación de conducións; en electrónica, na elaboración de filamentos para lámpadas e flash e como getter; e en metalurxia, como elemento de aliaxe para o ferro e o aluminio. En forma de circón ten aplicación como refractario.
-
dióxido de circonio
[QUÍM]
Pos cristalinos brancos, duros e pesados, quimicamente moi inertes, que funden a 2.700°C. Atópase na natureza como baddeleyita e ten aplicación como refractario dunha gran resistencia térmica, como pigmento, nas industrias da cerámica e do vidro, e como abrasivo.