Cirenaica
Rexión oriental de Libia que ata 1963 foi unha das tres provincias federadas do país. Morfoloxicamente distínguense, no N, o altiplano de Ǧ abal al-Ah ḋ ār, área de clima mediterráneo que fai posible a agricultura; no centro, unha gran depresión sinclinal, na que predomina a vexetación de estepa; e no S, unha área desértica que se eleva cara aos macizos montañosos do Sáhara. Os principais recursos económicos son os depósitos petrolíferos descubertos en 1959. A metade da poboación é nómade ou seminómade, e dedícase á gandería. Recibe o nome da capital, Cirene, fundada por colonos gregos, dirixidos, segundo a lenda, por Battus I arredor do 630 a C. Establecida a cidade como base, os gregos fundaron outras catro cidades: Teucheira, Barce, Hespérides e Apolonia. Foi gobernada pola dinastía dos Battiadae, ata que derrocaron a Aresilao IV (450 a C) e se transformou nunha república. Conquistada por Alexandro o Grande (331 a C), foi anexionada polo monarca exipcio Ptolomeo I Sóter (321 a C). Durante o reinado dos Ptolomeos, a rexión que se coñeceu como a Pentápolis, polas súas cinco importantes cidades, sufriu unha progresiva decadencia. No ano 96 a C legoulla a Roma Ptolomeo Apión e incorporouse como provincia romana entre o 75 e o 74 a C. Durante o goberno do Emperador Diocleciano, Creta separouse da Cirenaica, que se dividiu en dúas provincias: Libia Inferior, no L, e Libia Superior, no O. Durante a longa decadencia do Imperio Romano, a rexión sufriu as presións dos pobos nativos de orixe camita. Conquistada polos árabes no 641, pasou a formar parte do Imperio Otomano (s XVI) ata outubro de 1912, cando despois da guerra entre Italia e Turquía, os italianos obtiveron Cirenaica e Trípoli. Durante a Segunda Guerra Mundial, e despois de numerosas batallas entre italianos e británicos, en 1942 pasou á administración militar británica. Incorporouse como provincia ao Reino de Libia en 1951.