Cirilo de Alexandría, san

Cirilo de Alexandría, san

Teólogo. Patriarca de Alexandría (412) e un dos grandes padres da Igrexa oriental. O 17 de outubro de 412 sucedeu na sé patriarcal de Alexandría o seu tío Teófilo. Defensor da fe ortodoxa, foi un violento antisemita e combateu a herexía nestoriana. No Concilio de Éfeso (431), conseguiu a condena, deposición e exilio de Nestorio, patriarca de Constantinopla dende o 428, así como a aprobación da doutrina ciriliana sobre a unidade da persoa de Cristo. Dende o punto de vista doutrinal, dedicouse á elaboración da doutrina da Encarnación. Entre os seus escritos destacan os comentarios sobre as Sagradas Escrituras (evanxeos de san Lucas e san Xoán e o Pentateuco), tratados de teoloxía dogmática, cartas e sermóns. A lenda conta que resucitou a tres mortos. Na arte iconográfica viste os ornamentos dos bispos orientais (palio máis longo e ancho ca en Occidente), vai sempre barbado, e leva como atributo unha representación da Virxe co Neno nun taboleiro coa inscrición “Nai de Deus” en latín ou grego. A súa festividade celébrase o 27 de xuño.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Alexandría