cirurxía
(< lat chirurgĭa < grχειρουργία, de cheír ‘man’ +érgon ‘traballo’)
Parte da medicina que trata as enfermidades, deformidades e traumatismos por medio de operacións manuais ou utilizando instrumentos. A cirurxía, que comprende o estudo das bases técnicas cirúrxicas e a súa práctica, é tan antiga coma a humanidade; en cranios neolíticos atopáronse sinais de trepanacións, probablemente feitas para botar fóra os malos espíritos alí recluídos. Os exipcios xa practicaban a circuncisión e en papiros dos ss XIV e XV a C descríbense temas e casos cirúrxicos. No código de Hammurabi aparecen regulados os honorarios dos cirurxiáns sumerios. Os cirurxiáns hindús primitivos practicaban a rinoplastia, a extracción de cálculos vesicais e as laparotomías. Tamén Hipócrates tratou os temas cirúrxicos e a influencia das súas ensinanzas perdurou na medicina grecolatina. Galeno, malia seguir a doutrina hipocrática, desvirtuouna con numerosos erros, tales como o do “pus loable”, pero a súa autoridade dominou na cirurxía medieval e, en certos aspectos, a realizada ata o s XIX. Durante a Idade Media a cirurxía estaba en mans de barbeiros, sangradores, sacamoas e bruxos, e resultaba falseada a miúdo polas supersticións. A contribución árabe non foi moi abundante, mentres que a Igrexa exerceu unha influencia máis ben negativa. Inocencio III prohibiulles facer operacións cirúrxicas aos cregos e relixiosos porque ecclesia abhorret sanguini (‘a igrexa aborrece o sangue’). Coa escola de Salerno comezou unha certa dignificación da cirurxía e o seu estudo estendeuse ás universidades da época. Guido de Chaulhac (s XIV) ensinou cirurxía en París e a súa influencia mantívose máis de dous séculos. No s XV xa se outorgaban títulos de cirurxía e, a consecuencia disto, existiron os cirurxiáns letrados, doutores de “roupa longa”, pseudocientíficos, e os barbeiros-cirurxiáns de “roupa curta”, que tiñan autorización para tratar feridas e fracturas, e para practicar operacións externas (curar fístulas, abscesos, gangrenas, tumores e arrincar moas). Esta organización mantívose máis ou menos ata o s XVIII. As loitas e as guerras déronlles, en todas as épocas, un abundante material aos cirurxiáns, pero a ignorancia, a rutina e os prexuízos impedían progresar no tratamento das feridas. A cura de aceite fervente foi finalmente rexeitada por Ambrosio Paré (s XVI), que tamén substituíu o cauterio pola ligadura dos vasos. Co Renacemento a cirurxía entrou nunha nova fase debido sobre todo a Andreas Vesalius (1514-1564). A súa obra De humani corporis fabrica superou os erros anatómicos dos clásicos; deste xeito a anatomía humana chegou a representar unha base formal para a cirurxía e permitiu o seu desenvolvemento progresivo nos séculos seguintes. Tendo como base os fundamentos anatómicos e cos coñecementos de fisioloxía adquiridos paulatinamente, a cirurxía do s XIX puido chegar a ser máis científica. Doutra banda, viñéronse abaixo os dous obstáculos que impedían o progreso das técnicas cirúrxicas: a dor, vencida pola anestesia (Morton, 1846), e a infección operatoria, vencida pola antisepsia (Lister, 1876) e pola asepsia (Neuber, 1885), que forman coa hemostasia o soporte básico da técnica cirúrxica moderna que avanzou máis nun século que en todos os anteriores xuntos. Despois da Segunda Guerra Mundial, dous descubrimentos transcendentais fixeron avanzar a cirurxía dunha maneira case insospeitada: dunha banda, a antibioterapia, que venceu a infección; e da outra, as substancias análogas ao curare ou relaxantes, que modificaron esencialmente a anestesia. Con estas axudas e as da cirurxía experimental, ademais do progreso nos métodos de preparación, recuperación e tratamento postoperatorio, as operacións cirúrxicas efectúanse cunha gran marxe de seguridade. Co tempo xurdiron numerosas especialidades como a cirurxía cardíaca, de tal modo que xa non existen órganos intocables para a cirurxía. A cirurxía moderna demanda ineludiblemente un traballo de equipo que reúna cirurxiáns, anestesistas e reanimadores, coñecedores das diversas técnicas requiridas en cada intervención.