Císter, orde do
(< topónimo lat Cistercium)
Orde monástica nacida da reforma da orde beneditina realizada por san Roberto de Molesme, na abadía de Cîteaux, preto de Dijon, e difundida por san Bernaldo de Claraval.
Orixe e evolución da orde
En Cîteaux instaláronse un grupo de monxes de Molesme dirixidos polo abade Roberto que non estaban de acordo coa relaxación da norma beneditina. O 21 de marzo de 1098 fundouse o primeiro mosteiro da nova orde. Os tres primeiros abades, san Roberto (1098-1099), san Alberico (1099-1109) e santo Estevo Harding (1109-1133) están recoñecidos como santos fundadores. Santo Estevo Harding recibiu do Papa Pascual II o Privilegium Romanum que permitía o desenvolvemento do mosteiro sen temor á intervención señorial ou episcopal. Este mesmo abade escribiu en 1119 a Charta caritatis (Carta da caridade), un documento directivo da orde xunto coa estrita observancia da regra de san Bieito. Estableceuse a pobreza absoluta e a austeridade como normas fundamentais, así como a autonomía de cada un dos mosteiros dirixidos por un abade. Un réxime regular de visitas da casa nai sobre os demais mosteiros mantiña a unidade entre todos os cenobios. Ademais, todos os abades dos mosteiros tiñan a obriga de acudir unha vez ao ano ao capítulo xeral da orde a Cîteaux, onde se tomaban as decisións de carácter xeral. No 1112 chegou a Cîteaux Bernaldo de Fontaines, o futuro san Bernaldo de Claraval, artífice do desenvolvemento da orde.
Difusión da orde
A partir da casa madre de Cîteaux naceron as primeiras abadías cistercienses: La Ferté (1113), Pontigny (1114), Morimond (1115) e Clairvaux (1115). Dende entón multiplicáronse as fundacións monacais. Situados en terras incultas, os mosteiros vivían fundamentalmente das granxas agrícolas situadas ao seu redor. Ademais de realizar un labor de colonización de terras, levaron a cabo un desenvolvemento das técnicas agrícolas. A principios do s XII apareceron os primeiros mosteiros cistercienses femininos. A primeira fundación cisterciense en España foi o mosteiro da Moreruela (Zamora) no 1133. Posteriormente, houbo novas fundacións e algúns mosteiros beneditinos que se uniron á nova orde. A presenza dos cistercienses en Galicia, que se remonta ao ano 1142, responde a este segundo caso, coa conversión do mosteiro beneditino do Salvador en Sobrado dos Monxes, na primeira casa dos frades brancos de Claraval. A aparición do mosteiro de Oseira dátase entre o 1141 (sería entón a primeira fundación) ou 1150. Os cistercienses beneficiáronse dos privilexios concedidos por Afonso VII. As fundacións galegas dependeron de Clarivaux, agás o de Penamaior que, ao depender do mosteiro de Carracedo (León), tiña como casa nai o de Cîteaux. Foron cistercienses os mosteiros masculinos de Armenteira, Franqueira, Meira, Melón, Monfero, Montederramo, Oia, Penamaior, San Clodio, Sobrado, Toxosoutos, Xunqueira de Espadañedo e os femininos de Bóveda, Moreira e Ferreira de Pantón. Despois do grande esplendor e desenvolvemento dos ss XII e XIV, no s XV aconteceu un período de crise que levou a adaptar a orde aos novos tempos e fomentou a creación de congregacións nacionais. Na Península Ibérica naceron as congregacións de Castela (1425), Alcobaça ou Portugal (1567) e da Coroa de Aragón e Navarra (1616). No s XVII tivo lugar unha nova reforma. O abade de La Trappe, Armand-Jean Le Bouthillier de Rancé, propugnou o restablecemento da austeridade cisterciense primitiva. Este feito provocou a división dos monxes entre seguidores da Estrita Observancia ou trapistas, e os seguidores da Común Observancia. Trala Revolución Francesa, a orde estivo a piques de extinguirse, pero restaurouse no s XIX. Os cistercienses están divididos en Orde Cisterciense (OC) e Orde Cisterciense da Estrita Observancia (OCSO), e coñécense polo nome de monxes brancos pola cor do seu hábito. A maioría dos mosteiros teñen a advocación de santa María.
A Orde Cisterciense (OC)
A parte masculina da Orde Cisterciense (OC) en España, está organizada en dúas congregacións: a Congregación de San Bernaldo ou de Castela e a Congregación da Coroa de Aragón. A rama feminina está organizada nunha Federación Total que acolle as distintas congregacións. Á Congregación de San Bernaldo ou de Castela pertencen os mosteiros de Santo Domingo de Silos (Burgos), Nuestra Señora del Valle (Aranda de Duero, Burgos), Nuestra Señora de Arconada (Ampudia de Campos, Palencia), Santa María y San Andrés (San Andrés de Arroyo, Palencia), Santa María de Barria (Oyón, Araba), Nuestra Señora de la Anunciación (Santo Domingo de la Calzada, La Rioja), San Benito (Talavera de la Reina, Toledo), Santa María la Real de las Huelgas (Burgos), Nuestra Señora de la Piedad Bernarda (Madrid), Asunción de Nuestra Señora (Puerto de la Torre, Málaga), Santa Ana del Císter (Málaga), Santa Ana (Brihuega, Guadalajara), Santísimo Sacramento (Boadilla del Monte, Madrid), Santa Cruz (Casarrubios do Monte, Toledo) e Santa María de los Ángeles (Lugones, Asturias); á Congregación da Coroa de Aragón pertencen os mosteiros de Santa María (Vallbona de les Monges, Lleida), Santa María de Collsabadell (Llinars del Vallés, Barcelona), Santa María (Casbas de Huesca), Santa María de Cadins (Sant Medir, Girona) e Santa María de Valldonzella (Barcelona). Baixo a autoridade directa do bispo das súas respectivas dioceses están a abadía de Santa Lucía (Zaragoza) e o mosteiro da Madre de Dios (Buenafuente de Sistal, Guadalajara). A abadía de San Vicente el Real (Segovia) e o Zistertarren Santa Ana Monastegia (Lazkao) incorporáronse directamente á orde.
A Orde Cisterciense da Estrita Observancia
Ás comunidades masculinas da Orde Cisterciense da Estreita Observancia (OCSO) pertencen as abadías de Nuestra Señora de la Oliva (Carcastillo, Nafarroa), San Isidoro de Dueñas (Palencia), Viaceli (Cóbreces, Cantabria) e San Pedro de Cardeña (Burgos), e os mosteiros de Santa María de Huerta (Soria), Santa María de Las Escalonias (Hornachuelos, Córdoba) e Zenarruza (Bizkaia) e, en Galicia, Santa María a Real de Oseira (San Cristovo de Cea) e Santa María de Sobrado dos Monxes. Son mosteiros femininos os de Santa María de San José (Alloz, Nafarroa), Nuestra Señora de Vico (Arnedo, La Rioja), Santa María la Real (Arévalo, Ávila), Santa Ana (Ávila), Santa María Gratia Dei (Benaguacil, València), La Asunción (Carrizo de la Ribera, León), Santa María de la Caridad (Tulebras, Nafarroa), Nuestra Señora de la Paz (La Palma-Cartagena, Murcia) e Armenteira.
Congregacións Cistercienses de San Bernaldo
Existen outros vinte e catro mosteiros femininos que pertencen á Congregación Cisterciense de San Bernaldo: Santa María la Real de las Huelgas (Burgos), San Miguel de las Dueñas (León), San Clemente (Toledo), San Joaquín y Santa Ana (Valladolid), Santa María la Real de Gradefes (León), San Salvador (Cañas, La Rioja), San Bernardo (Burgos), El Salvador (Benavente, Zamora), Divino Salvador (Ferreira de Pantón), Villarcayo (Burgos), Villamayor de los Montes (Burgos), San Clemente (Sevilla), San Quirce y Santa Julia (Valladolid), La Encarnación (Córdoba), Santa María de Jesús (Salamanca), La Purísima Concepción (Villarobledo, Albacete), La Encarnación (Talavera de la Reina, Toledo), del Císter (Córdoba), San Ildefonso (Teror, Gran Canaria), San Bernardo (Granada), Nuestra Señora del Río y de San José (Liérnages, Cantabria), Santísima Trinidad (Breña Alta, Tenerife), Calatravas (Moralzarzal, Madrid) e Calatravas (Burgos).