Ciudad Real
Cidade e capital da provincia homónima, na Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha, situada nunha chaira drenada polo río Guadiana e polo seu afluente, o Jabalón (59.392 h [1996]). É unha zona moi fértil, onde destacan os cultivos de secaño, principalmente cereais, oliveiras e viña. Esta riqueza agrícola converte a cidade nun importante centro comercial agrario. A industria máis importante é a relacionada coa agricultura (fábricas de fariña, azucre e aceite), á parte da construción que adquiriu grande importancia. A cidade, de forma circular, presenta unha estrutura radial, de superficie moi extensa, con rúas rectilíneas e edificios baixos. Foi fundada en 1225 por Afonso X o Sabio co nome de Villa Real, no lugar que antes ocupara a vila de Pozuelo Seco de Don Gil. A súa finalidade foi asegurar a defensa entre Toledo e as vilas xa reconquistadas en Andalucía. A súa situación xeográfica, no centro do señorío da orde militar de Calatrava, foi motivo de loita permanente pola posesión do territorio. Xoán II outorgoulle o título de cidade en 1420, o que lle deu a categoría de “muy noble y muy leal Ciudad Real”. No 1428 obtivo foro real, pero o conflito coa orde de Calatrava continuaba e en 1477 as tropas desta institución destruíron a cidade. No 1494 os Reis Católicos fundaron unha chancelería real e en 1499 conseguiu o voto en Cortes. Durante os ss XVI e XVII viviu un breve período de apoxeo grazas á industria da la. En 1609 converteuse en cabeza do lugar e das poboacións do Campo de Calatrava. No reinado de Filipe III foron expulsados os mouriscos da zona, feito que provocou unha decadencia pola falta de poboación. En 1929 levantouse na cidade o corpo de artillería contra a Ditadura de Primo de Rivera. Durante a Guerra Civil foi unha das últimas cidades republicanas en renderse (29.3.1939). Conserva restos das murallas entre os que destaca a porta de Toledo (1328). A catedral de Santa María del Prado (ss XV-XVI) combina os estilos gótico e renacentista, e destacan as igrexas de Santiago (s XIII-XIV) e San Pedro (s XIV). No eido da arquitectura civil cómpre salientar o palacio da Deputación, de estilo neoclásico do s XIX, e o Concello (1976).