Ciutadella
Municipio de Menorca, Illes Balears, situado no extremo SO da illa e formado por costas altas e rectilíneas, accidentadas por enseadas (21.296 h [1996]). É abundante a morfoloxía cárstica, na que destacan as covas da Parelleta ao SL. A vexetación, tipicamente mediterránea, está formada por bosque de piñeiro branco, oliveiras silvestres e matogueiras; no sector NL destaca a presenza da palmeira anana. As terras de cultivo dedícanse, fundamentalmente, á plantación de herbáceas para forraxe do gando bovino (produción de leite e queixos). O turismo experimentou un importante desenvolvemento. O núcleo, de orixe medieval, estaba dividido en barrios (a igrexa, Santa Clara, o Secors e San Francisco) pola intersección das rúas que unían os antigos portais da muralla. Destacan o centro comercial e administrativo, especialmente a rúa das Voltas, porticada, a praza da catedral e a ampla palestra, a antiga praza de armas, centrada polo obelisco que conmemora o saqueo da cidade polos turcos en 1558, e rodeada de palacios. A poboación ten a súa orixe na época romana (Iamma ou Iamnona). Durante a dominación árabe foi capital da illa (Madīna Minūrqa). Coa conquista catalá (s XIII) conservou o carácter de centro político e económico co nome mozárabe de Ciutadella. Coa dominación da illa polos ingleses ao comezo do s XVIII, o gobernador Richard Kane trasladou definitivamente a capitalidade a Maó (1722). A partir de aquí comezou unha época de decadencia que perdurou ata a fin do s XIX. A recuperación comezou co desenvolvemento da industria zapateira. Consérvanse monumentos talaióticos como a naveta dos Tudons, as taulas de Torretrencada e de Torrellafuda, e o poboado de son Catlar. Entre o seu patrimonio destaca a Torre Saura, a casa do concello, a catedral, a igrexa de San Francisco e o antigo convento de Santa Clara. Entre as institucións culturais cómpre mencionar o Museu Municipal, o Museu Diocesà e o Arxiu de la Universitat General de Menorca.