civilización
(< civilizar)
-
s
f
Acción e efecto de civilizar ou civilizarse. Ex: A civilización levada a cabo polos españois no Novo Mundo sempre desatou todo tipo de polémicas.
Ex: A civilización levada a cabo polos españois no Novo Mundo sempre desatou todo tipo de polémicas.
-
s
f
[ANTROP/CULT]
Conxunto dos caracteres propios da vida material e cultural dun pobo civilizado ou dun período determinado na historia da sociedade.
Ex: A civilización romana espallou a súa forma de vida.
Sinónimos: cultura. -
s
f
[ANTROP/CULT]
Conxunto das normas, valores e comportamentos adquiridos por unha sociedade e aceptadas polo grupo que dirixen os aspectos básicos da vida colectiva incluíndo os coñecementos, as crenzas, as leis, os costumes, as técnicas e a moral que se manteñen durante a súa evolución. O concepto de civilización apareceu por primeira vez na obra do marques de Mirabeau (1756) co sentido dun proceso colectivo e orixinario que logrou sacar a humanidade da barbarie. Identificouse, xa que logo, cos trazos que caracterizaban o europeo, de xeito que se xustificaba a súa superioridade e a opuña a todo o que se podía considerar “bárbaro”; implicaba unha progresión ascendente fronte ao que se considerou primitivo ou natural. Vinculouse profundamente co proxecto filosófico dos ilustrados, que sostiñan a existencia dunha única civilización humana, absoluta, coherente e unitaria, ligada ao desenvolvemento da xustiza e que aspiraba á súa difusión entre os homes, conquistando todos os pobos e transformando os salvaxes. Despois da Revolución Francesa (1798), a idea triunfou no ámbito político unida á concepción pesimista que Rousseau tiña da civilización orixinada no modelo do Antigo Réxime. Deste xeito, xunto coa súa pluralidade admitiuse tamén a posibilidade da morte da cultura. A consecuencia do desenvolvemento dos estados nacionais, entre 1780 e 1830 comezou a formularse a idea dunha pluralidade de civilizacións dotadas de trazos diferenciados como sinais de identidade, propia dos respectivos pobos. O concepto de civilización equiparouse co de nación na obra de F. Guizot, quen defendeu o carácter colectivo, totalizador e fáctico. Este investigador entendía a civilización como o desenvolvemento do home en todas e cada unha das súas facultades, acadada dun xeito tal que se podería xuntar o desenvolvemento da vida social e a vida individual nun proceso de mutua interrelación. Os feitos individuais como as crenzas relixiosas, as ideas filosóficas, as letras, as ciencias e as artes, xunto ao estudo das relacións sociais e da economía, forman parte da esencia da civilización. Segundo a teoría de Guizot, e a diferenza do pensamento ilustrado, a civilización é un feito empírico que, malia a súa universalidade, pode analizarse dende unha óptica nacional. Deste xeito cada unha das civilizacións que se formaron durante a historia de Europa asentáronse nun principio do que recibiron a súa forma e a unidade ou formáronse pola síntese e combinación dunha serie de principios opostos. Nas bases do pensamento de Hegel e de Guizot, fundamento da filosofía europea moderna, está a idea da superioridade do filósofo sobre o salvaxe ou sobre o pobo. O concepto de civilización é o patrimonio duns individuos que forman o grupo que capitaliza nun grao maior a esencia nacional ou cultural. Partindo da base da existencia de múltiples civilizacións a finais do s XIX e comezos do s XX elaboráronse numerosas teorías que defenderon o desenvolvemento das diversas culturas, como un proceso cíclico análogo ao que seguen os seres vivos. Entre os expoñentes das teorías organicistas ou de ciclos, destacan O. Spengler e A. J. Toynbee. No pensamento de Spengler aparecen tendencias irracionalistas xunto a unha conciencia crítica fronte aos efectos deshumanizadores da sociedade industrial. Definiu a cultura como un organismo vivo que se desenvolve en sucesivas fases de nacemento, expansión, decadencia e morte, e comprende os produtos da actividade auténtica e orixinal dos pobos. Fronte á primeira, a civilización supón unha posibilidade de supervivencia para a cultura, pois reflite as formas vivas dunha alma cultural que perviven sen manter o contacto coas esencias que as orixinaron. Identifica a civilización unicamente cos aspectos técnicos e rutinarios da sociedade, buscando quitarlle valor aos aspectos fundamentais do progreso. Arnold J. Toynbee clasificou as sociedades en dous xéneros: as sociedades primitivas e as civilizacións, que abarcaban grandes grupos humanos e son escasas na historia. Segundo este autor, as civilizacións nacen ben por filiación ou ben por un proceso orixinario a partir do que inicia o seu desenvolvemento e xorde no seu interior unha minoría creadora, formada por xenios, místicos, ou superhomes que serven de guías da humanidade. O resto dos individuos, no crecemento dunha civilización, actúan seguindo un proceso de imitación no que copian as minorías creadoras mentres que o home se vai liberando, de xeito progresivo, da influencia dos factores naturais e biolóxicos, de maneira que envolve unha vida espiritual e social cada vez máis elaborada. Coa desaparición de Spengler e Toynbee, o concepto de civilización e cultura foi abandonado, en aparencia, polo discurso histórico. Pero, dende a historia, autores como os historiadores L. Febre e o seu mestre Levy-Bruhl tentaron perfeccionar o concepto de civilización empregando un termo concepto, “a mentalidade”, mentres as civilizacións se converteron en sinónimos de cultura no sentido técnico; con este significado continúa a empregarse polos arqueólogos. Para avaliar o grao de civilización dunha sociedade empréganse como criterios: a eficiencia interna, o avance técnico e científico, e o desenvolvemento da escritura, así como a institucionalización da orde moral, a heteroxeneidade orgánica -é dicir, a diferenciación funcional de subculturas: a alta e a baixa, a urbana e a rural, etc-, a complexa división do traballo e a concentración dos poderes político e económico.