cultura

cultura

(

  1. s f

    Conxunto de coñecementos non especializados que adquire unha persoa como froito do estudo ou da experiencia. OBS: Frecuentemente, úsase a expresión cultura xeral.

    Ex: Seu pai era unha persoa cunha gran cultura. En pouco tempo aprendeu nocións de cultura xeral daquel país que a acollera.

    Antónimos: incultura.
  2. s f [ANTROP/CULT]

    Conxunto de tradicións sociais, artísticas, literarias e científicas, así como das formas de vida materiais e ideais dun pobo, dunha sociedade ou de toda a humanidade, que abrangue os saberes, a técnica e os seus produtos, as crenzas, a arte, os costumes, o dereito e calquera outra manifestación xurdida da convivencia propia dos humanos. Neste sentido, a cultura é un atributo distintivo da humanidade, polo que inclúe diferentes niveis en relación co axente (individual ou intrasomático, social ou intersomático e material ou extrasomático) e diferentes esferas entendidas nun sentido etnográfico (exipcia, maia, galega, etc), resultantes da evolución histórica das diferentes formacións sociais. Dende unha perspectiva marxista, ademais, considérase que nas sociedades divididas a cultura adquire un significado de clase, tanto polo seu contido ideolóxico como pola súa orientación práctica, feito que se traduce na presenza de dúas culturas dentro de cada cultura nacional: a dominante (burguesa nas sociedades capitalistas) e a dominada (a da clase traballadora). Nos anos sesenta xurdiron os chamados “movementos contraculturais” (provos de Amsterdam, os diggers e os hippies, os enragés e situationistes de París, os comuneiros da London Street Commune, etc) que tiñan como obxectivo subverter e superar o sistema tradicional de valores da sociedade capitalista sobre a base dunha alternativa cultural revolucionaria. Por último, a posmodernidade desenvolveu o diálogo entre as culturas (Fórum Universal das Culturas) como medio para superar os conflitos.

    Xénese histórica da idea moderna de cultura
    A idea moderna de cultura xurdiu na Europa protestante dos ss XVIII e XIX, paralelamente aos cambios sociais e económicos, a partir da transformación da idea teolóxica de graza e da cristalización da idea de nación. Os usos anteriores da idea de cultura estaban pensados dende unha perspectiva naturalista, que implicaba a existencia dunha natureza humana individual xa constituída ou se limitaba á imitación de paradigmas naturais xa existentes. Aínda que a idea moderna de cultura está esbozada no concepto de “natureza común dos pobos” de Vico ou nas reflexións de Feijoo, Montesquieu, Voltaire, Mirabeau ou Turgot, Herder foi probablemente o primeiro teórico moderno do concepto de cultura, quen ademais marcou unha liña filosófica pola que transitaron a maioría dos filósofos da cultura posteriores (Fichte, Scheler, etc) e que serviu de base para a definición canónica de cultura nun sentido antropolóxico (Tylor, Herskovits, Malinowski, Kroeber, etc). En Ideen zur Philosophie der Geschichte der Menscheit (Ideas para unha filosofía da historia da humanidade, 1784), Herder instaurou unha perspectiva histórica da cultura, recoñeceu o seu carácter social e material (non só individual), estendeu a idea de cultura a todos os pobos da Terra (non só aos pobos europeos), recoñeceu o papel da educación e da tradición na súa transmisión, afirmou que cada nación tiña a súa propia cultura e forxou a idea que identificaba os humanos como “animais culturais”. Xunto con Herder, outros filósofos, como Kant, Hegel ou Fichte, constituíron o núcleo filosófico sobre o que descansan todas as elaboracións posteriores do concepto moderno de cultura.

    O debate sobre a orixe da cultura
    Unha vez que se estableceu a idea moderna de cultura, pensada como trazo diferenciador da especie humana respecto ao resto dos animais debido a que incluía un conxunto de comportamentos aprendidos (feito que a diferenciaba da conduta instintiva transmitida xeneticamente), xurdiu a necesidade de explicar a súa orixe e evolución. O primeiro debate sobre a cuestión da orixe da cultura foi o que opuxo a Herder (que defendía a tese de que a humanidade se formou primeiro bioloxicamente) con Kant (que antepuña a existencia da razón antes da formación da humanidade nun sentido biolóxico). Esta cuestión, que tamén analizara Condillac, Rousseau ou Voltaire dende presupostos premodernos, foi central no debate antropolóxico posterior. Os descubrimentos de fósiles, tanto da humanidade primitiva (Cro-Magnon, Neandertal, etc) como de homínidos (Dryopithecus), e de industrias líticas “antediluvianas” e a revolución científica que supuxo a publicación da obra de Darwin The Descent of Man (A orixe do home, 1871), levaron á reformulación do anterior debate. Darwin, nesa obra, estende a teoría da descendencia con modificacións por medio da selección natural ao ámbito da humanidade, para o que demostra que os humanos, coma calquera outra especie, descenden dunha forma preexistente. A partir dese momento quedaron establecidas as bases para unha antropoloxía baseada no principio biolóxico coñecido como efecto reversivo da evolución; sen embargo, os investigadores posteriores, apoiándose na oposición entre natureza e cultura (propia da filosofía idealista), estableceron dúas liñas de investigación disociadas: a da antropoloxía (baseada na evolución biolóxica) e a da arqueoloxía (baseada na evolución cultural). A antropoloxía evolucionista estableceu ao longo do s XX dous criterios biolóxicos para establecer a orixe da humanidade (encefalización e bipedismo), que eran condicións imprescindibles para o desenvolvemento cultural. Os arqueólogos, pola súa banda, limitáronse a constatar a existencia da cultura no momento en que existía unha evidencia obxectiva ao respecto (industria lítica). As teorías tradicionais, que eludían explicar o proceso evolutivo que dera lugar á cultura (en tanto que a cultura viña dada) e consideraban a cultura como algo propio do home, están a ser fortemente criticadas dende a etoloxía comparada e a primatoloxía. A obra El chimpancé y los orígenes de la cultura (1978), de Sabater Pi, aínda que centrou o seu estudo nos chimpancés, estendeu o debate sobre as orixes da cultura ao conxunto dos hominoideos debido a que neles se recoñecen capacidades condutuais compartidas polo home; entre elas, a capacidade para o recoñecemento do esquema corporal, a capacidade comunicativa no ámbito emocional, proposicional e simbólico, a capacidade para o uso e fabricación de artefactos, a capacidade para a actividade cooperativa, a capacidade para manter relacións familiares estables e duradeiras, a capacidade para manter relacións sexuais non promiscuas e a capacidade estética.
    A definición antropolóxica: a cultura como fenómeno humano

    O concepto de cultura é fundamental no pensamento antropolóxico moderno; sen embargo, non existe unha definición unitaria de cultura aínda que todas coinciden en tres elementos básicos: a cultura é o resultado da actividade social, non está determinada pola herdanza biolóxica e, para a súa transmisión, precísase da existencia dunha linguaxe. A primeira definición de cultura, considerada canónica na antropoloxía, foi a que elaborou Tylor en Primitive culture (Cultura primitiva, 1871). Para este investigador “a cultura ou civilización, en sentido etnográfico amplo, é aquel todo complexo que inclúe o coñecemento, as crenzas, a arte, a moral, o dereito, os costumes e calquera outro hábito ou capacidade adquirida polo home en canto membro da sociedade”. Posteriormente, as diferentes escolas antropolóxicas propuxeron a súa propia definición, de acordo cos seus postulados teóricos. Para Herskovits, calquera cultura, reflexo dunha pluralidade de aspectos, ten un carácter estrutural, varía tanto no tempo coma no espacio, manifesta regularidades que posibilitan a continuación e transmisión e é un instrumento a través do que o individuo se adapta ao medio. Representante destacado da corrente antropolóxica funcionalista, Malinowski definiu a cultura como un complexo de utensilios e bens de consumo, como un todo orgánico que regula os grupos sociais e como un conxunto de ideas, crenzas, artes e outras elaboracións materiais e ideais que lles permiten aos humanos afrontar os problemas cos que se atopan. A análise funcional permite determinar a relación entre o feito cultural e as necesidades humanas: a función non é senón a satisfación dunha necesidade, por medio dunha actividade, na que os humanos actúan en comunidade e se serven dos obxectos. Por outra banda, para cumprir coas súas finalidades os humanos organizáronse nunha estrutura moi precisa que ten unhas liñas que se atopan en calquera grupo organizado. A unidade elemental desta organización é a institución, que implica o acordo mutuo sobre o conxunto de valores aglutinadores do grupo, unhas relacións concretas entre os seus membros e un elemento físico determinado, o medio natural ou artificial. Kroeber definiu a cultura como unha abstracción da conduta, no sentido de que existen certas configuracións ou modelos desta que non dependen dos individuos considerados como tales, pero que determinan a parte máis esencial do seu comportamento. Segundo White aquilo que caracteriza a cultura non son os comportamentos, as ferramentas ou as institucións consideradas en relación cos individuos ou as súas necesidades, senón a transformación destes elementos en símbolos e a súa integración nunha relación simbólica entre eles. Do mesmo xeito, o funcionalista Radcliffe-Brown enfatizou na interdependencia entre as diversas partes, aínda que subordinaba a cultura á cohesión da estrutura social. A corrente do materialismo cultural, encabezada por Harris, recuperou parte da formulación de Malinowski e concibe a cultura como o resultado da interacción entre unhas necesidades biolóxicas básicas e un medio ecolóxico específico. Para o estruturalista Lévi-Strauss o elemento máis relevante no estudo da cultura é o concepto de modelo, entendido como límite, pois só no seu interior se pode cambiar a conduta dos individuos. A partir da análise realizada en 1980 por Plog e Bates podénse diferenciar seis elementos claves que, de xeito xeral, son aceptados polas diversas tendencias antropolóxicas: a cultura é unha conduta aprendida; interpreta e significa a realidade de diversos modos; é simbólica, está constituída por elementos arbitrarios, convidos, flexibles e cambiantes que se combinan para producir mensaxes complexas e abstractas; é un todo estruturado e segue unhas pautas, todos os seus aspectos interrelaciónanse entre si; é compartida diferencialmente pois é un atributo do individuo como membro dun grupo e dentro dese grupo poden desenvolverse distintas subculturas; e é un dispositivo de adaptación, a conduta e os modos de actuación creáronse para dar resposta ás distintas dificultades.

    Dos círculos culturais ás identidades culturais
    A metáfora xeométrica para designar a autonomía ou a identidade das culturas propias é de Herder; posteriormente, Ratzel, que distinguiu entre categorías culturais (partes integrantes da totalidade cultural) e esferas culturais (partes distributivas das totalidades), denominou Kulturenkreisen (‘círculos culturais’) a cada unha das culturas identificadas, tanto nun sentido espacial (cultura alemá ou galega) coma histórico (cultura maia ou helénica). Trala Segunda Guerra Mundial, despois do triunfo da democracia sobre o fascismo, a identificación entre raza e nación foi substituída pola identificación entre cultura e nación. Así, estableceuse a noción de identidade cultural, que prosperou a partir dos anos setenta, herdeira da noción de raza. Neste sentido, é a identidade cultural o elemento integrador e identificador das nacións, feito que favoreceu a proliferación de obras referidas a ese tema. En Galicia, antes do rexurdir identitario dos anos setenta, o primeiro autor que identificou a nación galega ao redor da súa cultura foi Otero Pedrayo no seu Ensaio histórico sobre a cultura galega (1933). Nesta obra, Otero identificaba como elementos definidores da cultura galega a tradición celta e o catolicismo, que consideraba como eixes principais ao redor dos que se estruturaba a cultura galega. Galicia (1974), un breve ensaio de Ramón Piñeiro, sitúase nesa tradición intelectual; segundo a súa interpretación, os sinais de identidade de Galicia son a terra e a lingua. Coa recuperación da democracia, sobre todo trala configuración de España como un Estado autonómico, o proceso de recoñecemento da identidade cultural galega entrou nunha nova etapa: a de asociar a cultura a un proxecto político (a Comunidade Autónoma de Galicia); neste sentido, cómpre salientar o proxecto de investigación Dimensións da Identidade Colectiva de Galicia que, dirixido por Ramón Máiz, está a desenvolver o Centro Ramón Piñeiro da Xunta de Galicia dende 1994. Nese proxecto abórdase a análise da identidade colectiva de Galicia nunha dobre perspectiva: referida á entidade da mesma, recoñecendo o influxo dos procesos de cambio social, económico e político dos anos oitenta e noventa na xénese dunha percepción comunitaria de Galicia como entidade dotada de cultura e intereses propios; e ás variantes da pluralidade social desa identidade.

    A cultura socialista
    En Die heilige Familie (A sagrada familia, 1844-1845), Marx e Engels demostraron que as ideas da clase dominante son as ideas dominantes en cada época. Ademais, precisamente por esa vinculación entre clase e cultura, a produción cultural non é axioloxicamente neutra e está mediatizada pola ideoloxía. Non obstante , tanto Marx coma Engels e posteriormente Lenin, defenderon que a revolución cultural debe realizarse sobre as bases da cultura herdada. Neste sentido, Lenin chegou a afirmar que sen a herdanza da cultura capitalista non se construiría o socialismo; sen embargo, en tanto que a vella cultura está ideoloxizada, o proletariado non pode aceptala incondicionalmente, ten que excluír as falsas interpretacións e elaborala de novo. Todas as revolucións socialistas posteriores á Revolución Rusa (1917) asumiron a revolución cultural como a superación da división social en consumidores e creadores, e abriron horizontes novos para a iniciativa consciente e a actividade social do pobo. En contraste con esta tradición marxista-leninista, os líderes do Partido Comunista Chinés (encabezados por Mao) comezaron en 1965 a Gran Revolución Cultural Proletaria e proclamaron que toda a cultura dos séculos pasados, en tanto que feudal ou imperialista, é allea e hostil ao proletariado. Este cambio de rumbo supuxo unha nova actitude fronte á herdanza cultural (censura de case todos os clásicos da literatura e arte mundial, como Mozart, Chopin, Tolstoi ou Dante) e fronte aos intelectuais (enviados ás comunas populares non para instruír a poboación campesiña, senón porque ao estaren afastados do traballo físico podían contaminarse de ideoloxía revisionista).

    A orde posmoderna e o diálogo cultural
    Nun contexto definido pola Nova Orde Mundial, caracterizado pola hexemonía política, económica e militar dos EE UU e polo triunfo do neoliberalismo, instaurouse o discurso da diversidade cultural que, xunto co desenvolvemento sostible e as condicións para a paz, se recoñece como un factor fundamental para o desenvolvemento futuro da humanidade. O diálogo das culturas parte do recoñecemento da diversidade e da súa afirmación, bases necesarias para establecer un diálogo construtivo entre os pobos. Sobre estes principios convoucouse en 1999 o Fórum Universal das Culturas (Barcelona 2004), que aspira a reunir de forma innovadora as diferentes culturas da humanidade e a expresar e celebrar a diversidade do mundo. Os traballos de preparación deste foro mundial mostran, sen embargo, un concepto difuso de cultura; neste sentido, cómpre sinalar que os organizadores consideran que a cultura é todo (economía, política, educación, organización social, etc) e non só a arte, o folclore e os valores; que hai que diferenciar entre os valores, as institucións que os vehiculan e as prácticas que realmente se desenvolven nos diferentes ámbitos e dimensións da realidade; que toda cultura se configura ao redor de tres dimensións interrelacionadas: o mythos (aquilo que un cre sen ser consciente de que o está crendo: aquilo que non é pensado); o logos (a racionalización da realidade: aquilo que é pensado); e o misterio (o horizonte existencial: aquilo que non pode ser pensado). Finalmente, malia a vontade de diálogo e debido á inexistencia dun “universalismo acultural”, o Fórum Universal das Culturas é unha iniciativa que tivo a súa orixe na cultura occidental europea e participa da defensa dos seus valores (democracia, dereitos humanos, creatividade, etc), que nesta Nova Orde Mundial se difunde a costa de grandes desigualdades e marxinacións.

  3. cultura circunscrita [SOCIOL]

    Conxunto de contidos culturais (teatro, música, pintura, danza, literatura, cine, folclore, etc) decisivos para a configuración dunha identidade cultural que, a efectos de protección, tutela ou promoción, se someten aos intereses de institucións públicas ou privadas, como os ministerios ou consellerías de Cultura ou outras entidades análogas (casas de cultura, fundacións culturais, concellerías de cultura, etc).

  4. cultura corporativa/empresarial/organizativa [SOCIOL]

    Sistema de valores e símbolos da sociedade ou organización compartida en maior ou menor medida polos seus membros. Segundo Schein articúlase en tres niveis: as presuncións básicas preconscientes ou valoracións xerais sobre conceptos básicos, os valores ligados á organización e os símbolos.

  5. cultura da imaxe [SOCIOL]

    Conxunto de coñecementos e de formas de expresión que teñen como elemento intrínseco e de transmisión as imaxes. Emprégase este termo en contraposición á denominada cultura da palabra, sexa esta palabra escrita ou oral.

  6. cultura de masa [SOCIOL]

    Conxunto de coñecementos xeneralizados e difundidos polos medios de comunicación de masas. É a consecuencia do tránsito da comunicación cara á comunicación impersoal producida a través dos modernos canais de comunicación. Como o concepto de masa é visto negativamente pola socioloxía, a cultura de masa concíbese como o produto negativo da revolución tecnolóxica nos medios de comunicación que emiten unha información acrítica e con degradación e manipulación dos contidos. As principais críticas realizáronas a escola de Frankfurt (Marcuse, Adorno e Habermas) e algúns sociólogos norteamericanos (Mills). Destacan tamén algúns elementos novos e positivos, como o aumento de información e de audiencias. Nun sentido análogo emprégase a denominación cultura popular.

  7. cultura dixital [INFORM]

    Conxunto de coñecementos e costumes xerado a partir do espallamento da informática e das redes de comunicación, como a Internet. Inclúe expresións artísticas e tradicións trasladadas desde o mundo real ao virtual e outras novas creadas neste último; teñen actores culturais propios que chegan a acadar tanta ou máis sona ca os artistas tradicionais.

  8. cultura económica [SOCIOL]

    Conxunto de valores e normas que dirixen a actividade económica. Componse de modos habituais, de costumes dunha certa obrigatoriedade e dun marco xurídico. Entre outros foi analizada por Max Weber e K. Arrow que afirmou que as actividades económicas reciben o influxo do marco cultural no que se desenvolven.

  9. cultura e personalidade [ANTROP/CULT]

    culturalismo.

  10. cultura física [DEP]

    Cultivo e conservación da forma física mediante diferentes exercicios ximnásticos e deportes.

  11. cultura política [SOCIOL]

    Pautas de orientación psicolóxica cara aos obxectivos políticos que predominan entre os membros dun grupo ou nación. Gabriel Almond creou este termo na década dos cincuenta.

  12. cultura popular [SOCIOL]

    Cultura creada de forma autónoma polo pobo non ilustrado e que deu lugar aos refráns, mitos, lendas ou contos, en contraposición á cultura das elites.

  13. filosofía da cultura [FILOS]

    Interpretación e doutrinas filosóficas sobre o feito cultural. Difícil de diferenciar da socioloxía e da antropoloxía culturais, a reflexión filosófica sobre a cultura comezou co romanticismo e tivo en Hegel o seu primeiro representante destacado. En Grecia, o tema tratouse ao opoñer os estoicos os conceptos de cultura e natureza. Non obstante , estes termos tiñan un significado diferente ao moderno que entende que a cultura é o proceso e o resultado da transformación que a actividade humana opera sobre a natureza, dende o traballo e a técnica ata as artes, as ideoloxías e as realizacións histórico-sociais. Entre os problemas fundamentais da filosofía cultural están o de determinar a posible unidade e relación intrínseca da arte, a filosofía e a ciencia; a produción e a transformación de bens culturais; e a estrutura deses bens. Ademais de Hegel, cómpre destacar a F. Nietszche, W. Dilthey, H. Rickert, E. Spranger, H. Freyer e M. Scheler.