Cultura
Publicación bilingüe editada en Bilbao a partir de novembro de 1981 e subtitulada “Boletín dos grupos Terra Nai e Pascual Veiga ao coidado do Departamento de Cultura”. A partir de 1982 subtitulouse “Voceiro do Departamento de Cultura Casa de Galicia en Bilbao”. Á parte da sección “Presentación”, incluía debuxos e fragmentos do libro Cousas, de Castelao, algúns artigos en castelán no apartado “A las andadas”, textos de Neira Vilas, diversos poemas en galego, artigos sobre a celebración do Ano Santo Compostelán e do Pórtico da Gloria, e reportaxes onde se analizaba a figura de distintos políticos galegos, como Manuel Fraga e Domingo García-Sabell. Esta revista ten relación coas publicacións O Noso Afán, O Curruncho, O Currunchiño, Follas Novas e Revista de la Casa de Galicia, editadas na mesma cidade.