civitas*
Entidade xurídico-administrativa romana constituída por dous elementos claramente diferenciados: o núcleo urbano e o territorium. O primeiro correspóndese coa noción de cidade moderna, cunha importante concentración do artesanado, o comercio e os servicios públicos da comunidade. O segundo, o campo, proporcionaba os produtos agrícolas que necesita o consumo urbano. Ambos os dous compoñentes constituían unha unidade administrativa con economías complementarias, que caracterizaban a cidade pola residencia da maior parte dos propietarios de terras da civitas. Todos os seus habitantes se consideraban municipes e gozaban de idénticos dereitos, como beneficiarse periodicamente das distribucións gratuítas dos novos maxistrados da cidade (sportulationes) e compartir obrigas (munera) similares, sen ter en conta o lugar de residencia habitual. Durante o goberno monárquico romano, a civitas limitábase aos grupos máis acomodados dos residentes na cidade, pero co progresivo dominio do ámbito latino e a necesaria ampliación dos grupos que prestaban servizo no exército, a mediados do s VI a C incorporáronse novos elementos do populus na civitas.