Civitavecchia
Civitavecchia
Cidade da provincia de Roma, no Lazio, Italia, á beira do Mar Tirreno (51.008 h [1998]). O porto realiza o aprovisionamento de Roma e é o punto principal de enlace con Sardeña. As principais actividades económicas están relacionadas co sector metalúrxico e químico. A cidade romana, coñecida como Centum Cellae, cobrou importancia coa inutilización do porto de Ostia e a construción doutro novo por orde de Traxano. Destruída polos ostrogodos, ocupárona os bizantinos (533) e os árabes (828). Estivo sometida a diversos señores feudais ata que se converteu no principal porto dos Estados Pontificios (1431). Urbano VIII levantou as fortificacións e Inocencio XII declarouna porto franco. Foi ocupada polos franceses durante o s XIX ata o 1870.