Clarà i Ayats, Josep

Clarà i Ayats, Josep

Escultor. Estudiou debuxo con Josep Berga i Boix e escultura na École des Beaux Arts de Toulouse (1897). En 1900 trasladouse a París e foi discípulo de Rodin. No Salon des Artistes Français de 1907 presentou a obra Turment (Tormento) e no Salon de la Societé Nationale de 1908 Crepuscle (Crepúsculo). A amizade coa bailarina Isadora Duncan permitiulle realizar os seus debuxos máis espontáneos ao redor da danza. Realizou monumentos públicos como Serenidad sobre las ruinas de la vida, no cemiterio de San Isidro de Madrid, e retratos como o de Clara Stuart Merrill (1926). As súas obras simplificáronse e liberáronse de todo sentimento. Con Maillol, Clarà representou a reacción clasicista de raíz mediterránea diante do modernismo de raíz xermánica e do impresionismo rodiniano. Foi membro da Real Academia de San Fernando de Madrid (1925). Entre os galardóns que recibiu destacan a medalla de honor da Exposición Internacional de Barcelona de 1929 con Repòs (Repouso) e o premio Damià Campeny (1934) con Nu de noia (Nu de rapaza). En 1969 inaugurouse en Barcelona o Museu Clarà. O seu irmán Joan Clarà i Ayats (Olot 6.12.1875 - París 1958), tamén escultor, realizou a maior parte da súa obra en París, onde dirixiu unha academia de arte.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Olot, Girona

  • Deceso

    Lugar : Barcelona