Clathrus
Clathrus
[FUNGO]
Xénero de fungos que presentan cogomelos que antes de madurecer aparecen como unha masa globosa parda clara, de ata 10 cm de diámetro, da que ao rachar xorde o peridio; esta estrutura de textura esponxosa e de cor vermella contén ou sostén a gleba de cor verdosa e fedorenta á que acoden diversos dípteros que, á vez que se alimentan, facilitan a dispersión das esporas que se atopan nesta masa fértil. Son propios de solos ricos en materia orgánica e non son comestibles. En Galicia están presentes as especies C. ruber, que presenta un receptáculo en forma de rede, e C. archeri, que produce ata oito proliferacións e que, orixinaria de Oceanía, chegou a Europa co material militar da Segunda Guerra Mundial.