clero

clero

(< lat tardío clēru

  1. [RELIX]
    1. s m

      Conxunto de persoas que recibiron as ordes sagradas ou o estamento eclesiástico dos clérigos. Inicialmente estaba constituído por un grupo de servidores da comunidade cristiá, formado arredor do bispo e do presbítero; co tempo tivo influencia oficial sobre toda a vida civil e constituíu un dos tres estamentos que conformaban a estrutura do Estado durante o Antigo Réxime. O concepto de clero foi, nun principio, o dun grupo e despois o dunha clase social que non se pode confundir coa función sacerdotal existente en todas as relixións. Como grupo funcional no interior da Igrexa, formouse durante os tres primeiros séculos. A partir de Constantino, os criterios de pertenza ao clero precisáronse e volvéronse en parte económicos: os cregos adscríbense a unha Igrexa e reciben manutención dela. No s IX, en case toda Europa, os funcionarios públicos eran cregos (os oficinistas ingleses aínda se denominan clerks). Os cregos, que ata o s XI aínda casaban, comezaron a establecer uns certos dereitos dinásticos, e nos ss X e XI incluso houbo intentos por establecer dinastías episcopais. A irrupción dos monxes na vida relixiosa do pobo introduciu unha nova fonte de divisións entre o clero secular e o regular. Durante a Baixa Idade Media apareceron os chamados privilexios do canon (a inxuria real a un crego é sacrilexio), do foro (as causas contenciosas e criminais dos cregos pertencen aos tribunais eclesiásticos), de exención (do servizo militar e de oficios públicos) e de competencia (límite no embargo por débedas). No aspecto político, o clero presentábase corporativamente nas altas asembleas dos reinos, cortes ou parlamentos, e constituía o brazo eclesiástico. O s XVI achegou dúas novidades no desenvolvemento do clero: a fundación de numerosas ordes de cregos regulares e a institución dos seminarios. Dende o Concilio Vaticano II, a crise de recrutamento de vocacións e a reconsideración do celibato deixaron a alternativa da liquidación do clero como base social diferenciada.

    2. clero castrense

      Clero que exerce o seu ministerio na armada ou no exército de terra.

    3. clero regular

      Clero formado polos relixiosos sacerdotes que pertencen a unha regra ou orde relixiosa.

    4. clero secular

      Clero formado polos non sacerdotes que non se ligan cos tres votos relixiosos de pobreza, obediencia e castidade.

  2. s m [RELIX]

    Clase sacerdotal na Igrexa católica.