Cleveland

Cleveland

Cidade do estado de Ohio, nos EE UU, situada sobre a desembocadura do río Cuyahoga, no lago Erie (498.246 h [1996]). Coa construción da canle de Ohio (1831) e a chegada do ferrocarril (1851), experimentou un gran crecemento. O río divide a cidade en dúas partes: nunha das ribeiras hai unha área industrial (téxtil, química e refinerías de petróleo), na outra está a área comercial e cultural. Posúe un centro de estudios superiores, a John Carroll University (1886). Fundouna en 1796 o xeneral Moses Cleveland, pero ata finais de 1836 non recibiu o título de cidade. O Museum of Cleveland, inaugurado en 1916 e ampliado en 1958, contén unha importante colección de pintura francesa (Georges de La Tour, Camille Corot e Édouard Manet), italiana (il Tintoretto) e española (El Greco, Goya, Picasso, etc).