Clístenes

Clístenes

Político demócrata ateniense, fillo de Megaclés. Membro da familia dos Alcmeónidas, foi desterrado ao final do mandato de Hipias. Volveu do exilio no 507 a C e opúxose ao intento de instauración dun réxime oligárquico por Iságoras. Realizou a reforma democrática da constitución ateniense, e reorganizou o estado sobre unha base territorial e non xentilicia. Dividiu o territorio ateniense en tres tipos de comarcas: a cidade ( ἄ στυ), que incluía a chaira que rodeaba Atenas e a costa de ambas as beiras do Pireo, o litoral (παράλια) e o interior (μεσόγεια), cada unha delas dividida en dez distritos (τριττύος); a combinación de tres tritias, unha da cidade, outra da costa e outra do interior, formaba unha tribo ou ϕ υλ ή . Reformou as tribos xonias tradicionais, coa distribución da poboación entre as dez tribos novas, designadas cos nomes dos heroes locais máis famosos. Cada unha delas proporcionáballe ao exército un rexemento de hoplitas e un escuadrón de cabalería dirixidos por un estratega elixido. A phyle tamén estaba vinculada ao novo órgano de goberno, a βουλ ή ou consello dos 500, subdividida en dez seccións ou pritanías (πρυτανεία), á que lle correspondía a elección de 50 membros para cada unha das tribos. A bulé serviu como comité administrativo central da cidade para vixiar os maxistrados e xulgar as infraccións da lei. A unidade básica territorial do novo sistema era o δ ῆ μος, o equivalente do municipio, encargado de compilar as listas de cidadáns e da administración local, das finanzas e do culto relixioso. Atribúeselle tamén a reforma do cargo de arconte, que pasou a ser accesible por sorteo e non por elección, a creación do ostracismo e do servizo militar obrigatorio, e a concesión da cidadanía ateniense a todo home libre que habitase a Ática.