Cluny, abadía de
Igrexa abacial situada na localidade de Cluny, fundada no 910 cando Guillerme de Aquitania lle cedeu a vila aos beneditinos, que seguían a reforma de san Bieito de Aniana, para construír unha abadía dedicada aos santos Pedro e Paulo, e que se situou baixo a autoridade da Santa Sé. As escavacións e os estudios que, desde 1928, realizou Kenneth John Connant, e a veciña igrexa de Paray-le-Monial, construída tamén polo abade Hugo, permitiron a reconstrución ideal da que foi unha das igrexas máis importantes do mundo cristián occidental da época. A diferenza dos cistercienses, os cluniacenses non obrigaron ás abadías dependentes a construír o modelo de igrexa da abadía nai, polo que non houbo unha tipoloxía cluniacense. O oratorio do 910 (Cluny A) e a igrexa do 927 (Cluny I) precederon á igrexa (Cluny II) que construíu o abade Maiol ou Maïeul (950-963). O coñecemento do complexo monacal foi posible grazas á descrición do monxe Guido na que percorría as distintas dependencias da abadía, como a sala capitular, o locutorio, o dormitorio, o refectorio, a cociña, o palatium, un edificio construído para acoller os visitantes, e outras dependencias ademais da igrexa. Cluny II caracterizouse polo alongamento da nave central, entre o transepto e a ábside, e das naves laterais, acabadas en absidiolas comunicadas coa central por grandes arcos. O abade Odilón engadiu un novo treito, o pórtico ou galilea, para acoller os peregrinos, ao tempo que ampliou os edificios monásticos. Os abades Hugo e Pedro o Venerable substituíron esta igrexa por outra que se converteu na de maior tamaño construída ata entón (1088-1122) e só superada séculos despois por San Pedro do Vaticano. Cluny III tiña cinco naves e dous transeptos e baseouse nas proporcións harmónicas. A súa orixinalidade radicou na asociación do dobre transepto e das plantas central e basilical. O deambulatorio e as cinco capelas radiais formaron, cos cruceiros (con seis capelas o cruceiro maior e catro o menor) e as torres, un conxunto graduado. No interior as naves tiñan iluminación directa, ao contrario que nunha catedral románica. Da obra escultórica só se conservan algúns capiteis de estilo corintio, decorados a miúdo con figuras de animais ou persoas ou simplemente con follas planas. A iconografía dos capiteis representa as virtudes cardinais, a vida monástica, o Paraíso, o pecado e o sacrificio de Abrahán. Dous capiteis aluden á música coral. Non quedou nada da pintura e das mostras da ourivería e doutras artes menores. A comunidade de Cluny desapareceu en 1791. Destruída a igrexa durante a Revolución Francesa, no 1798 comezou o seu derrubamento e só se conserva parte do cruceiro e dos cimentos, amais de restos dos edificios monásticos.