Cluny, orde de
Orde monástica beneditina orixinada na abadía de Cluny.
Orixe e evolución da orde
A congregación cluniacense naceu na abadía de Cluny, fundada no 910 por Guillerme de Aquitania. Dende a súa fundación, dependeu directamente do papado e non se someteu nin ao poder dos señores feudais nin á monarquía. O seu primeiro abade foi Bernon, nomeado directamente polo fundador da abadía, mentres que os seus sucesores elixíronos os monxes que formaban a congregación. Os grandes abades de Cluny foron Odón (927-942), Aymard (942-965), Maiol ou Maïeul (965-994), Odilón (994-1049), Hugo (1049-1109), Poncio (1109-1122) e Pedro o Venerable (1122-1156). Durante os ss XI e XII tivo lugar a reforma da orde beneditina que deu lugar ao nacemento de Cluny, tamén coñecida como congregación cluniaciense. Ante a relaxación dos costumes dos monxes e os abusos que se cometían dentro da igrexa, como a simonía, os cluniacenses reinterpretaron a regra de san Bieito de xeito rigoroso baseándose na reforma realizada por san Bieito de Aniana. O traballo manual quedou case relegado a un segundo plano ao ter maior importancia os oficios divinos. O traballo da terra realizábano os servos e os campesiños ao seu servicio. A orde promoveu a roturación de novos terreos e a construción das vías de comunicación e, deste xeito, absorbeu o movemento demográfico do s XI. Concederon as ordes maiores a todos os monxes que puideran ostentalas e, sometidos á autoridade do papa, non participaron na loita das investiduras entre o papado e o emperador, aínda que recoñecían que a cristiandade tiña estes dous poderes. Foi un dos apoios da reforma gregoriana e mesmo houbo monxes que acadaron o solio pontificio como o propio Gregorio VII, Urbano II, Pascual II e Calisto II. Os cinco priorados que estenderon a orde en Francia foron os de Souvigny, Sauxillanges, La Charité-sur-Loire, Saint-Martin des Champs e, en Inglaterra, o de Lewes. Os centros dependentes organizáronse en priorados que dependeron da abadía de Cluny e das abadías de obediencia nas que o abade xuraba finalidade á de Cluny. Houbo tamén unha serie de abadías que sen estar sometidas á casa nai, seguían os modos de vida cluniaciense. No s XI a orde organizouse en provincias e creouse o capítulo xeral. O s XII foi a época de maior esplendor con máis de 1.000 abadías, das que 31 estaban en España.
A presenza dos cluniacenses na Península Ibérica
O Camiño de Santiago foi o eixe de penetración dos cluniacenses na Península Ibérica e da expansión da arte, especialmente da arquitectura, románica. En Catalunya sobresaíu a figura do abade Oliba de Cuixá e Ripoll. En Navarra era cluniacense o mosteiro de Santa María de Leyre e en Aragón o de San Juan de la Peña. No Reino de Castela e León a orde introduciuse a partir dos priorados de San Isidro de Dueñas, San Salvador de Palaz del Rey e Santiago de Astudillo. A primeira presenza dos cluniacenses en Galicia foi San Salvador de Vilafrío (Barredo, Castroverde) fundación concedida polo abade Hugo no 1075, pero que pertenceu á diocese de Lugo dende 1130. Os cluniacienses non se beneficiaron da política real de Afonso VII de concederlles privilexos e exencións aos mosteiros ao apoiar a dona Urraca durante as loitas entre esta e o monarca. Baixo o goberno dos abades Hugo e Pedro o Venerable convertéronse algúns mosteiros xa existentes en priorados dependentes de Cluny. Dona Urraca dooulle San Vicente de Pombeiro no 1109 ao abade Poncio na procura do seu apoio ante os partidarios de Afonso VII. Pedro Froilaz outorgoulle San Martiño de Xubia ao abade Poncio. O conde Fernán González fixo o mesmo co de Santa María de Ferreira no 1117, aínda que o priorado pertenceu aos cistercienses desde 1175. Munio Romániz cedeulle San Pedro de Valverde no 1125 a Pedro o Venerable. O mesmo abade recibiu San Salvador de Budiño no 1126 de mans do conde Gómez Núñez.