cnidario -ria

cnidario -ria

(< grκνίδη ‘estruga’)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos cnidarios.

  2. s m [ANIMAL]

    Metazoo do filo dos cnidarios.

  3. s m pl [ANIMAL]

    Filo de animais metazoos diblásticos e de simetría radial ou birradial ao redor dun eixe lonxitudinal, agrupados antigamente cos ctenóforos dentro do filo dos celenterados. É un grupo antigo, cun rexistro fósil de máis de 700 millóns de anos, que engloba máis de 9.000 especies. Os cnidarios teñen unha cavidade gastrovascular que comunica co exterior cunha única abertura, a boca, que realiza funcións tanto de nutrición coma de excreción. A parede do corpo está formada por dúas capas, o ectoderma e o endoderma. No ectoderma hai, entre as células epiteliais, unhas células especializadas, os cnidocitos, que son características do filo e realizan unha función defensiva e ofensiva. A dixestión é extracelular e ten lugar na cavidade gastrovascular, por mor dos enzimas que segregan as células do endoderma. Non teñen nin sistema circulatorio, nin excretor, nin respiratorio. Hai dous tipos fundamentais de organización: o pólipo, que é fixo, e a medusa, que é a forma libre. Os pólipos son sésiles, de forma cilíndrica e con boca tentaculada en posición oral. As medusas móvense sobre o substrato ou nas súas proximidades, teñen forma de campá e a boca en posición aboral, polo que se poden considerar pólipos invertidos. A reprodución pode ser sexual, mediante gametos ectodérmicos ou endodérmicos que dan lugar a unha larva plánula nadadora, ou asexual, por xemación, escisión e estrobilación. Adoita haber alternancia de xeracións: unha asexuada con pólipos e outra sexuada con medusas; aínda que tamén hai casos no que o pólipo é sexuado e non hai medusas, e casos nos que a medusa orixina directamente medusas e non hai pólipos. Moitos cnidarios posúen esqueletos calcarios, quitinosos ou proteicos, que poden ser internos ou externos, dunha grande importancia na formación dos arrecifes coralinos. Case todos os cnidarios son mariños, e, agás algunhas excepcións, son carnívoros e depredadores. Poden establecer relacións de simbiose con outros animais, como o cangrexo peregrino, nas que este se beneficia da posible protección das células urticantes do cnidario e o cnidario da mobilidade e das migallas de comida do cangrexo. Hai formas solitarias e formas coloniais, planctónicas ou bentónicas. A súa distribución chega a todos os mares e a unha gran parte das augas continentais. Nos tecidos dos cnidarios viven algas en simbiose, especialmente nos que viven na auga doce e nos formadores de arrecifes de coral; a súa presencia limítase a augas pouco fondas e con boa iluminación, que permiten a realización da fotosíntese. O filo dos cnidarios pódese dividir en catro clases: a dos hidrozoos, a dos escifozoos, a dos cubozoos e a dos antozoos.

Palabras veciñas

cnemide | cneoráceo -a | CNES | cnidario -ria | cnido- | cnidoblasto | cnidocisto