cobalto

cobalto

(< al Kobolt ‘feiticeiro daslendas xermánicas’)

  1. [QUÍM]
    1. s m

      Elemento de transición do bloque d, situado entre os elementos do bloque s e os do bloque p da táboa periódica, de número atómico 27 e peso atómico 58,933. Ten un único isótopo natural, o núclido 59, e 10 núclidos artificiais 54, 55, 56, 57, 58 e 58 m, 60 e 60 m, 61 e 62. É un metal branco, dúctil e maleable, descuberto por Georg Brandt en 1735. Ten graos de oxidación +3, +2, único estable para os sales simples en solución, +1, sinalado por Planchot en 1926 e por outros investigadores, e +4, que se dá seguramente no óxido CoO 2 e nalgúns complexos. Hai dúas variedades halotrópicas: a variedade α, que cristaliza no sistema hexagonal compacto, e a variedade β, do tipo cúbico de caras centradas. O cobalto é ferromagnético e ten punto de Curie aproximadamente a 1.150°C. Inalterable nunha atmosfera de aire seco ou húmido a temperaturas ordinarias, oxídase lentamente en estado incandescente e recóbrese dunha capa de óxido salino, Co 3 O 4 . Os halóxenos atácano en quente e resulta facilmente atacado polos ácidos diluídos. Os minerais máis importantes do cobalto son a esmaltina e a cobaltita, que aparecen case sempre mesturadas con níquel, a linneíta, Co 3 S 4 , e a carrolita, CuCo 2 S 4 . A metalurxia do cobalto é longa, complexa e cara; os métodos empregados dependen da composición do mineral, pero basicamente son dous: un para os minerais ricos e outro para os minerais pobres. Un método de purificación permite obter, por electrólise do cloruro de cobalto, metal nun alto grao de pureza (contido de Ni<0,05 ppm e de Fe<30 ppm). Industrialmente, o óxido comercial case sempre se reduce por carbono, hidróxeno, monóxido de carbono ou aluminio. Tamén se obtén coa electrólise dunha solución de sulfato de cobalto amoniacal. O cobalto emprégase para obter algunhas aliaxes especiais, ás que confire maior dureza e resistencia á corrosión: o ferro-cobalto, co 34% de cobalto, de propiedades magnéticas; o Stellite (55% Co, 25% W, 15% Cr, 5% Mo), unha aliaxe durísima coa que se fabrican ferramentas de corte; e o kanthal, aliaxe de cromo, ferro, aluminio e cobalto, empregada para a fabricación de resistencias eléctricas. O cobalto serve tamén para a preparación de pinturas e de esmaltes. Na produción mundial de cobalto destacan a República Democrática do Congo, Canadá, EE UU, Finlandia, Marrocos e Zambia. Entre os complexos amoniacais do cobalto, os máis importantes son as cobaltaminas. O cobalto é un oligoelemento necesario para a hematopoese e entra na composición da vitamina B 12 .

    2. carbonato de cobalto(II) [CoCO 3 ]

      Composto que se presenta en cristais vermellos, obtidos mediante quentamento de carbonato de sodio e unha solución de sal de cobalto(II), dentro dun tubo pechado. Preséntase na natureza no espato cobalto e na esferocobaltita. Emprégase en cerámica e na elaboración de pigmentos.

    3. cloruro de cobalto(II) [CoCl 2 ]

      Composto que se presenta en láminas azuis pálidas, obtidas por acción do cloro sobre o cobalto. Forma un hexahidrato [Co(CH 2 O) 4 ]Cl 2 ·2H 2 O, dicloruro de tetraaquocobalto(II) que cristaliza no sistema monoclínico e é bastante soluble en auga. Emprégase como indicador de humidade.

    4. fluoruro de cobalto(III) [CoF 3 ]

      Composto que se presenta en forma de cristais hexagonais de cor marrón. É un dos sales simples de cobalto(III) máis estables e emprégase como axente de fluoración na industria dos derivados fluorados.

    5. nitrato de cobalto(II) [Co(NO 3 ) 2 ]

      Composto que se presenta en forma de cristais vermellos, obtidos como hexahidrato. Emprégase na manufactura de pigmentos e de tintas invisibles.

    6. óxido de cobalto

      Cada un dos compostos binarios que forma o cobalto co osíxeno. Prepárase o óxido de cobalto(II), CoO, por deshidratación do hidróxido ou por disociación do carbonato en recipiente pechado. Trátase duns pos grises cristalinos que funden a 1.900°C sen disociarse. De cor azul, ás veces matizado de verde, en solución sólida con outros óxidos básicos pode dar outras cores, como verde de Rinmann (CoO+ZnO) ou rosa de cobalto (CoO+MgO). O óxido cobaltoso-cobáltico salino, Co 3 O 4 obtense industrialmente; e o óxido de cobalto(III), Co 2 O 3 , obtense por oxidación prolongada do hidróxido de cobalto(II).

  2. bomba de cobalto [BÉL]

    bomba de cobalto.

Palabras veciñas

cobáltico -ca | cobaltina | cobaltita | cobalto | cobaltoso -sa | cobaltoterapia | Cobas