2 cobra

2 cobra

(

[LIT]

Cada unha das unidades rítmicas e melódicas (estrofas) que compoñen a cantiga. As cobras están formadas por versos -tamén chamados palavras na Arte de Trobar- que, debido á marcada tendencia da lírica galego-portuguesa á isometría e ao isosilabismo, adoitan ter a mesma medida, aínda que pode haber exemplos de hipometría e hipermetría. A Arte de Trobar dedícalle o primeiro capítulo do apartado IV ao estudo das estrofas. Non obstante , as conclusións do autor anónimo desta Arte en canto á extensión das cobras e aos tipos de rimas difiren en parte da realidade textual, pois as máis numerosas non son, como explica neste tratado, as estrofas de cinco versos (“cinco palavras”) e, por outro lado, a tipoloxía non se reduce, en función da rima, tan só ás cobras singulares (as que teñen “senhas rimas”) e ás unisonantes (as que se caracterizan por “seer em ũa rima”). De feito, as máis abondosas son, para as cantigas de refrán, as estrofas formadas por seis versos (dos que dous constitúen o retrouso) e, para as cantigas de mestría, as de sete. A rima, maioritariamente consoante, pode ser ademais masculina ou feminina. Dado que na lírica galego-portuguesa -ó igual que na provenzal- o cómputo silábico se establece ata a última sílaba acentuada, se o verso remata en palabra aguda ou oxítona, a rima é masculina; en cambio, se a derradeira palabra do verso é grave ou paroxítona, a rima é feminina. Tendo en conta a distribución das rimas, as cantigas medievais empregan distintos modelos estróficos e para a súa denominación adóitase empregar a adaptación dos termos técnicos consensuados para a lírica occitana: Cobras unisonantes (provenzal: coblas unissonans), estrofas que presentan as mesmas rimas e que as distribúen do mesmo xeito. Cobras singulares (provenzal: rims singulars), estrofas que posúen o mesmo esquema rimático, pero que presentan rimas distintas en cada unha delas. Cobras dobras (provenzal: coblas doblas), estrofas co mesmo esquema rimático e coas rimas coincidentes en cada parella de estrofas; na súa maioría, están formadas por un número par de estrofas. Cobras ternas (provenzal: coblas ternas), estrofas que teñen unha distribución de rimas idéntica en cada grupo de tres estrofas. Cobras alternas (provenzal: coblas alternas), estrofas que presentan un mesmo esquema rimático, de xeito que a distribución das rimas coincide nas cobras pares, por un lado, e nas impares, polo outro (as máis delas posúen un número par de estrofas); é o tipo estrófico empregado maioritariamente nas cantigas de amigo de tipo tradicional, isto é, as construídas sobre o paralelismo e o leixaprén, se ben non é exclusivo destas. Por outro lado, cobra forma parte da designación de determinados procedementos de ligazón interestrófica xa coñecidos na poesía dos trobadores provenzais: Cobras capcaudadas (provenzal: coblas capcaudadas), estrofas nas que se repite a rima do verso final dunha delas no primeiro da seguinte; cómpre que se dea entre cobras consecutivas e pode non estenderse a toda a cantiga. Cando nas cantigas de refrán o retrouso xera este procedemento denomínanse cobras capcaudadas ao refrán. Cobras capdenais (provenzal: coblas capdenals), estrofas nas que se vincula o verso inicial de dúas ou máis cobras por medio da anáfora, aínda que pode estenderse a outros versos situados preferentemente á mesma altura estrutural. Cobras capfinidas (provenzal: coblas capfinidas), estrofas nas que se repite a parte final do derradeiro verso (ou todo el) dunha cobra, no inicio da seguinte e, por extensión, cando se reitera un termo (que pode verse sometido a variacións flexivas) no último verso dunha cobra e no primeiro da seguinte. Cando o verso final do refrán dá lugar ao procedemento denomínanse cobras capfinidas ao refrán. Cobras retrogradadas (provenzal: retrogradatio), estrofas nas que se repiten as rimas dunha cobra na seguinte, pero en orde inversa, circunstancia que obriga, pois, a que as cobras sexan tamén capcaudadas. Cando este procedemento se estende a todos ou a algúns versos das estrofas denomínanse cobras retrogradas parciais.

Palabras veciñas

Cobos | Cobos, Francisco de los | 1 cobra | 2 cobra | COBRA | cobrable | cobrador -ra