1 cobra

1 cobra

(

  1. [ANIMAL]
    1. cobra de Esculapio [port: cobra-de-Esculápio; cast: culebra de Esculapio; ingl: Aesculapian snake] [Elaphe longissima, Fam dos colúbridos]

      Cobra de ata 190 cm de lonxitude, co dorso e cos laterais do corpo de cor acastañada, parda verdosa ou cinsenta, finamente salferido de amarelo, sobre todo na zona central. Aliméntase principalmente de micromamíferos, aínda que tamén captura aves e depreda os seus niños. Está distribuída polo oeste, centro e sueste de Europa, dende Irán ao centro de Alemaña e Grecia. Na Península Ibérica distribúese por unha estreita franxa na rexión cantábrica e pirenaica, en bosques e matogueiras.

    2. cobra de ferradura [port: cobra-de-ferradura; cast: culebra de herradura; ingl: horseshoe] [Coluber hippocrepis, Fam dos colúbridos]

      Cobra de ata 180 cm de lonxitude, co ventre alaranxado ou amarelo e co dorso claro con grandes manchas negras, redondas ou romboidais, que nos costados son de menor tamaño. Na cabeza presenta unha mancha negra en forma de U. Está presente en matogueiras do contorno mediterráneo occidental, na costa norteafricana e na Península Ibérica, onde ocupa a metade sur, a costa mediterránea e a depresión do Ebro.

    3. cobra lagarteira [port: cobra-lisa; cast: culebra lisa; ingl: smooth snake]

      Cobra do xénero Coronella, da familia dos colúbridos, de tamaño moderado, que se caracteriza por presentar unha liña escura dende o ollo ata o pescozo. Aliméntase principalmente de réptiles que captura dunha trabada e constrinxe, enrolándose arredor do corpo da presa ata que morre. En Europa están presentes dúas especies: a cobra lagarteira común (C. austriaca), que acada os 85 cm de lonxitude, de dorso gris arxénteo ou pardo, cun deseño escuro en dúas ringleiras paralelas que forman, as máis das veces, un barrado transversal. Habita en matogueiras e tamén en fragas abertas, piñeirais, silveiras e brañas. Presenta unha distribución eurosiberiana e na Península Ibérica ocupa a metade norte, certas cadeas montañosas do centro e, de forma relita, as serras de Cazorla, Alcaraz e Sierra Nevada. En Galicia é común no norte, mentres que no sur presenta unha distribución irregular asociada a altitudes elevadas; e a cobra lagarteira meridional (C. girondica), de ata 90 cm de lonxitude, de corpo pardo ou cinsento con manchas transversais, e ventre amarelo con grandes manchas dispostas nun deseño axadrezado ou en liñas paralelas. Vive en áreas secas e pedregosas da área circunmediterránea e está presente no sur de Francia, Italia e no noroeste de África. Na Península Ibérica está ausente do litoral cantábrico e das montañas de maior altitude. En Galicia presenta unha distribución continua no sur e puntual no norte; está presente nas illas de Sálvora, Cortegada, Ons e Cíes.

    4. cobra rateira [port: cobra-rateira; cast: culebra bastarda; ingl: Montpellier snake] [Malpolon monspessulanus, Fam dos colúbridos]

      Cobra de ata 255 cm de lonxitude, posúe cabeza grande, estreita e bastante alta, coas escamas supraoculares moi anchas e prominentes que semellan cellas. O dorso é de cor verde oliva ou cinsento, coa cabeza e o pescozo máis claros e o ventre de cor clara con manchas negras. O iris é de cor dourada cos bordos negros. Aliméntase principalmente de réptiles, aves e mamíferos, que paraliza cun sistema inoculador de veleno opistoglifo. Habita en bosques, devesas e matogueiras con valados ou pedregais do norte de África, noroeste de Italia, sur dos Balcáns, Turquía, Irán e a Península Ibérica, agás na costa cantábrica. En Galicia non aparece na maior parte da metade norte e cando está presente ocupa vales e ladeiras orientadas ao sur.

      Sinónimos: cobregón.
    5. cobra riscada [port: cobra-de-escada, riscadinha, cobra riscada; cast: culebra de escalera; ingl: ladder snake] [Elaphe scalaris, Fam dos colúbridos]

      Cobra de ata 198 cm de lonxitude, de fociño agudo e corpo groso e longo. O dorso dos adultos é de cor amarelada ou parda, con dúas liñas escuras paralelas e lonxitudinais, e o dos animais novos, que non sobrepasan os 30 cm, presenta dúas liñas lonxitudinais escuras conectadas por liñas transversais. Aliméntase principalmente de mamíferos, e habita sobre todo en zonas de monte baixo con pedregais. Distribúese polo litoral mediterráneo francés e pola Península Ibérica, agás a franxa norte eurosiberiana. En Galicia, o seu límite norte está constituído polo monte Pindo na franxa costeira e polas serras orientais no leste. Tamén está presente nas illas de Ons e de Arousa.

    6. cobra verdeamarela [cast: culebra verdiamarilla; ingl: western whip snake] [Coluber viridiflavus, Fam dos colúbridos]

      Cobra de ata 200 cm de lonxitude, de cor amarela verdosa con barras ou liñas negras transversais. Habita en ambientes abertos con matogueiras na área mediterránea noroccidental dende os Pireneos, sur de Francia, Suíza e noroeste dos Balcáns ata Sicilia e Malta.

    7. cobra viperina [port: cobra-d’água-viperina; cast: culebra viperina; ingl: viperine snake] [Natrix maura, Fam dos colúbridos]

      Cobra de ata 100 cm, co dorso pardo cinsento e cun deseño en zigzag máis escuro, ventre reticulado e iris amarelo ou alaranxado. Caza á espreita, mergullada nos medios acuáticos onde vive, para capturar por sorpresa anfibios, peixes e invertebrados. Distribúese polo sur de Francia, sudoeste de Suíza, noroeste de Italia, noroeste de África e da Península Ibérica, onde está ausente dalgunhas áreas da franxa litoral cantábrica. En Galicia é común no sur e falta no extremo norte; está presente nas Illas Cíes e nas Ons.

    8. s f

      Serpe da familia dos colúbridos coa cabeza cuberta de grandes escamas, a pupila habitualmente redonda, a cola proporcionalmente longa e o dorso e os costados con pequenas escamas, mentres que o ventre está protexido por grandes escamas transversais. A maior parte delas non teñen dentes ocos que inoculen veleno, pero nalgúns casos presentan dentes acanalados que cumpren esta función. Case todas son ovíparas e, as máis delas, diúrnas e terrestres. Existen uns 250 xéneros que abranguen arredor de dúas mil especies, feito que supón os dous tercios das serpes.

      Sinónimos: cóbrega. Confrontacións: víbora.
    9. cobra de auga

      Cobra do xénero Natrix que vive asociada a medios acuáticos, tamén coñecida como cobra de colar e cobra viperina.

    10. cobra de colar [port: cobra-d’água-de-colar; cast: culebra de collar; ingl: grass snake] [Natrix natrix, Fam dos colúbridos]

      Cobra de ata 205 cm, aínda que a maioría dos exemplares non sobrepasa o metro de lonxitude. Presenta o dorso de cor variable e lisa, as máis das veces verde, cinsenta ou acastañada, que pode aparecer con pequenas manchas negras; o ventre é de cor branca con manchas negras de forma cadrada, máis densas na parte posterior do corpo. Cada unha das escamas dorsais presenta unha pequena crista central. Os ollos teñen o iris de cor vermella e as crías posúen un rechamante colar de cor amarela ou laranxa que constitúe un sinal aposemático. O hábitat típico da especie son os prados húmidos con matogueiras, onde capturan anfibios que constitúen a parte primordial da súa dieta. Inofensiva para o home, cando se cre ameazada, desenvolve unha serie de defensas que pasan por triangular a cabeza, bufar e erguerse en actitude de ataque e tentar parecer perigosa; se iso non resulta, pode finxir que está morta. Cando a capturan expulsa polo ano unha secrección altamente irritante e fedorenta. Ten unha ampla distribución e ocupa dende a Península Escandinava ata o N de África e Irán. Na Península Ibérica resulta máis común na metade norte e en Galicia é unha das cobras máis comúns.

    11. cobra de cugula/do mato [port: cobra-de-capuz; cast: culebra de cogulla; ingl: false smooth snake] [Macroprotodon cucullatus, Fam dos colúbridos]

      Cobra de ata 60 cm de lonxitude, de fociño curto, pupila oval durante o día, escamas do dorso lisas, cun gran colar negro e dentes inoculadores de veleno. É propia de lugares pedregosos nas devesas ou matogueiras do S da Península Ibérica, nas Illes Balears e no N de África.

  2. s f [ANIMAL]

    Serpe do xénero Naja, da familia dos elápidos, caracterizada pola alta toxicidade do seu veleno, que inxecta no corpo da víctima, e pola capacidade para expandir o pescozo, en caso de alarma, contraelo e xirar as súas costelas, feito que provoca a extensión do pelexo que as cobre, co que manifestan os distintos deseños de advertencia tales como debuxos, colares ou bandas. Aliméntanse principalmente de micromamíferos, aínda que tamén depredan insectos de gran tamaño, aves e ovos. Logo da cópula, precedida por unha danza nupcial na que macho e a femia se manteñen enfrontados e coa cabeza levantada por espazo dunha hora, á vez que realizan movementos pendulantes, ten lugar a posta de ata 20 ovos que a femia defende de posibles predadores. Os vivérridos son dos poucos predadores que teñen as cobras adultas. A cobra india ou de anteollos (N. naja) presenta o corpo de cor acastañada con aneis máis claros e na parte posterior do pescozo un debuxo amarelo en forma de anteollos; distribúese dende Paquistán ata o sur da China e as illas Filipinas. A cobra exipcia (N. haje) acada os 240 cm de lonxitude e presenta, nos adultos, unha coloración acastañada ou negra salferida de manchas máis claras, mentres que os exemplares novos son de cor amarela. Amplamente distribuída por África e Arabia, está ausente dos desertos e das selvas; constituíu un dos símbolos da antiga monarquía exipcia. A cobra real (N. hannah) acada os 550 cm de lonxitude, feito que a converte na serpe velenosa máis grande do mundo; está presente na India e constrúe un niño complexo con follas e terra, onde deposita os ovos. A cobra de pescozo negro ou cuspidora (N. nigricollis) acada os 240 cm de lonxitude e ten o corpo cinsento cunha franxa negra na gorxa; caza proxectándolles o veleno aos ollos das presas, ata unha distancia de 3,6 m, para provocarlles unha cegueira temporal que aproveita para prendelas. Habita as sabanas que bordean as selvas tropicais de África occidental.

Palabras veciñas

COBOL | Cobos | Cobos, Francisco de los | 1 cobra | 2 cobra | COBRA | cobrable