víbora

víbora

(< lat vipĕra)

  1. [ANIMAL]
    1. s f

      Serpe velenosa, da familia dos vipéridos, de corpo curto e pesado, cola curta, cabeza ben definida, frecuentemente triangular e cun característico deseño en zigzag. As escamas dorsais son fortemente carenadas e as placas superiores da cabeza moi fragmentadas. Os ollos son bastante pequenos e coa pupila vertical. Algunhas especies teñen un corno nasal brando e escamoso na punta do fociño. Normalmente son activas de día e aliméntanse de micromamíferos, réptiles e anfibios. Están distribuídas por toda Europa, Asia e África, e están estreitamente emparentadas cos crótalos asiáticos e americanos, dos que difiren por non posuír fosas termosensibles. Teñen un aparato velenoso característico con dúas glándulas de veleno que conectan directamente coa base dos dentes,  longos e ocos, que se cravan na presa cando a serpe ataca, e o veleno é espelido pola punta do dente, de forma que se transmite moi eficaz e profundamente nos tecidos da vítima. Os dentes inxectores de veleno son móbiles, de forma que se repregan cando a boca está pechada e se estenden en ángulo recto para atacar cando a boca está aberta. Son serpes tranquilas e de movementos lentos que non morden a menos que sexan molestadas. En Galicia danse dúas especies: a víbora fociñuda e a víbora de Seoane.

    2. víbora cornuda [cast: víbora cornuda; ingl: cerastes] [Cerastes cerastes, fam dos vipéridos]

      Serpe de ata 60 cm de lonxitude que presenta unha cabeza moi ampla e un pequeno corno sobre os ollos. A súa cor é parda ou agrisada, coa zona ventral branca. É unha serpe velenosa que habita en rexións áridas do N de África e Oriente Medio.

    3. víbora fociñuda [port: víbora fociñuda; cast: víbora hocicuda; ingl: Lataste’s viper] [Vipera latastei, Fam dos vipéridos]

      Serpe pequena con deseño dorsal en zigzag marrón sobre fondo cor area. Presenta o fociño revirado coma un pequeno corno que apunta cara a arriba. Aparece en terreos secos e con pedras, con mato baixo e aberto, uces, etc, nas solainas. Esténdese pola maior parte da Península (excepto nunha faixa litoral cantábrica) e polo Magreb, pero é moi rara en Galicia, onde só está presente no cadrante suroriental (serra do Xurés, Parque Natural do Invernadeiro). Parece restrinxida ás zonas máis secas, chegando ata os 1.300 m nas serras ourensás. O veleno desta especie é máis potente ca o da víbora de Seoane.

      Sinónimos: cerasta.
    4. víbora de Seoane [port: víbora-de-Seoane; cast: víbora de Seoane; ingl: Seoane’s viper] [Vipera seoanei, Fam dos vipéridos]

      Serpe de tamaño inferior aos 60 cm, cun deseño dorsal bilineal con dúas bandas claras paralelas que abeiran unha banda central marrón con manchiñas escuras pola beira. As manchas negras da cabeza teñen forma de uve invertido. Ocupa unha gran variedade de ambientes, pero ten certa preferencia polos terreos pedregosos. Consome micromamíferos, réptiles (lacértidos, ánguidos) e anfibios, estes últimos sobre todo crías. É unha especie vivípara, que pare de 3 a 10 crías por setembro. Trátase dun endemismo ibérico que se estende pola faixa húmida (norte cántabro-atlántica) da Península. Existen dúas subespecies, presentes ambas en Galicia: V. seoanei seoanei que ocupa a maior parte da xeografía galega e parte do N de Portugal e V. seoanei cantábrica, cun deseño dorsal diferente, cun zigzag escuro pouco definido polo medio do dorso sobre fondo cincento nos machos e marrón nas femias, que aparece nos Ancares, no Courel e en Pena Trevinca en Galicia e pola cornixa cantábrica ata o norte de Burgos. Chega aos 1.800 m nos Ancares. En Galicia dáse dispersa pola maior parte do territorio. É unha das especies de víboras con veleno pouco potente.

  2. s f
    1. Persoa ruín e con malas intencións.

    2. Persoa que gusta falar mal dos demais.

Palabras veciñas

viaxar | viaxe | viaxeiro -ra | víbora | Viborg | Viborg | vibración