Cochinchina

Cochinchina

Rexión do SL de Asia, que forma parte de Vietnam (64.100 km2). Está situada entre o golfo de Tailandia e o mar da China Meridional, no delta do río Mekong. O cultivo de arroz e a pesca son as actividades económicas máis salientables. As cidades principais son Ho Chi Min (antiga Saigón), Long Xuyen, My Tho e Can Tho. Orixinariamente, pertenceu ao Imperio Khmer (actual Camboxa); este país foi conquistado a finais do s XVII e comezos do XVIII pola dinastía anamita dos Nguyen; Nguyen Anh conseguiu en 1789, coa axuda de mercenarios franceses, reunificar o antigo imperio dos Nguyen (que recibiría o nome de Vietnam). O estímulo deste soberano para favorecer a penetración da influencia europea, principalmente francesa, interrompérona os seus sucesores, sobre todo Tu Duc. A súa intransixencia cara aos católicos foi fundamental para que o imperialismo francés interviñese na Cochinchina; a súa anexión total foi ratificada no ano 1874. Convertida en colonia francesa, en 1887 integrouse dentro da Unión de Indochina. Durante a Segunda Guerra Mundial foi ocupada polos xaponeses ata setembro do 1945. Dende o 1946 ao 1949, ano no que se integrou dentro do estado de Vietnam, foi unha república independente.