cochinilla
(< cast cochinilla)
-
s
f
[ANIMAL/ENTOM]
Insecto homóptero da familia dos cóccidos. As femias son ápteras e viven, na fase adulta, fixadas ás plantas das que se alimentan. Algunhas especies chegan a ser ápodas, co corpo transformado nunha pequena cuncha de entre 1 e 10 mm de lonxitude, que presenta unha cuberta protectora de ceras e lacas excretadas polo mesmo animal. Os grupos de femias chegan a cubrir talos, follas ou froitos, e poden constituír pragas se afectan ás especies vexetais de interese para o home, como a cochinilla das laranxeiras (Pseudococcus citri). Combinan un ciclo biolóxico partenoxénico cun sexual, onde os ovos quedan protexidos polo escudo da nai que morre trala posta. Os machos adultos presentan un só par de ás e as pezas bucais atrofiadas, feito que lles impide alimentarse e, xa que logo, ter unha vida longa. Nos primeiros estadios, as larvas teñen capacidade plena de movemento, polo que é nese momento cando se realiza a dispersión. Algunhas especies críanse polo interese das súas secreccións, como a cochinilla da laca (Tachardia lacca), de orixe asiática, que vive sobre figueiras e que excreta substancias resinosas empregadas na fabricación da goma laca, ou a cochinilla da chumbeira (Coccus cacti), orixinaria de México, que foi introducida a mediados do s XIX principalmente nas Canarias e na India. Das femias desecadas e pulverizadas obtense o carmín; precísanse máis de 154.000 animais para obter 1 kg de colorante.
-
s
f
[QUÍM]
Tipo de carmín que se extrae da cochinilla da chumbeira. Nas Canarias, sobre todo en Lanzarote, prodúcese carmín de cochinilla -arredor de 60 toneladas anuais- de gran riqueza en ácido carmínico, usado en cosmética, microbioloxía e como colorante alimentario, fundamentalmente en conservas.