Cocteau, Jean

Cocteau, Jean

Escritor, debuxante e realizador cinematográfico francés. A súa obra comezou co impulso do futurismo e do cubismo, como en Potomac (1914) e Les mariées de la Tour Eiffel (Os noivos da Torre Eiffel, 1921), para evolucionar cara a unha mestura de vangardismo e academicismo. Cultivou diversos xéneros e da súa produción destacan, entre outras obras, Le secret professionnel (O segredo profesional, 1922), Les enfants terribles (Os nenos terribles, 1929), La voix humaine (A voz humana, 1930) e Les parents terribles (Os pais terribles, 1938). Escribiu o argumento do ballet Parade que, con música de Satie, decorados e vestiario de Picasso, coreografía de Massine e presentación de Apollinaire, foi estreado en París en 1917 pola compañía de ballets rusos de Diaghilev e considerado unha renovación no ballet moderno. Posteriormente, realizou os ballets Le Dieu bleu (O Deus azul, 1911) e Le jeune homme et la mort (O home novo e a morte, 1946). Defendeu a vangarda artística de Picasso a partir de 1917 e a de De Chirico, Miró e Dalí a partir de 1932. Os seus primeiros debuxos están influídos por Grosz e evolucionan cara ás formas de Picasso coa realización de representacións do arlequín e de Orfeo. Dende 1950 cultivou a pintura ao óleo e o fresco, amais de deseños de tapicería. Como cineasta pasou da vangarda Le sang d’un poète (O sangue dun poeta, 1931) a un cine máis convencional e comercial, pero non carente de poesía: L’éternel retour (O eterno retorno, 1943), La belle et la bête (A bela e a besta, 1946), Orphée (Orfeo, 1950) e Le testament d’Orphée (O testamento de Orfeo, 1960). Como autor teatral, nos seus primeiros traballos Le boeuf sur le toit (O boi baixo o teito, 1920) contou coa colaboración de artistas plásticos como Picasso. Posteriormente, comezou unha nova traxectoria caracterizada pola recreación de vellos mitos gregos como Antígona ou Orfeo, textos nos que procurou definir un modelo de traxedia moderna. Nesa mesma liña, sitúase a obra La machine infernale (A máquina infernal), escrita para Louis Jouvet en 1933 e estreada como espectáculo en 1934. Ademais, destacan outros textos nos que mestura xéneros, rexistros e técnicas na procura de novas formas dramáticas, e reafirma a súa lectura paródica e provocadora da realidade: Les chevaliers de la Table Ronde (Os cabaleiros da Táboa Redonda, 1937), Les monstres sacrés (Os monstros sagrados, 1940), Renaud et Armide (1943), L’aigle à deux têtes (A aguia de dúas cabezas, 1946) ou Bacchus (Baco, 1951). Un dos seus textos, A voz humana, presentado na Comedia Francesa en 1930, foi estreado en Galicia polo Grupo de Teatro Enxergo no espectáculo Tres monólogos de muller (1985), con dirección de Eva Campo; e polo Teatro do Malbarate, con dirección de Ánxel R. Ballesteros e interpretación de Marisa Soto.

Cronología

  • Deceso

    Lugar : Forêt, Seine

  • Deceso

    Lugar : Oise

  • Deceso

    Lugar : Oise