Codeseda, San Xurxo de

Codeseda, San Xurxo de

Igrexa parroquial situada na Estrada. Pertenceu ao antigo convento de beneditinas de Augas Santas ou Codeseda, fundación de mediados do s XII. No ano 1124, o Rei Afonso VII outorgoulle a xurisdición destas terras a Munio Pérez Tacon, pero no 1154 xa pertencía á mitra compostelá. A súa construción debeu comezar baixo o goberno da abadesa Mariña Fernández. A cronoloxía da ábsida é de mediados do s XII (1164?). Das trazas románicas só se conserva unha ábsida semidecagonal que consta dun tramo recto, unido á nave, e outro formado polos lados do semidecágono. Accédese a ela a través dun arco triunfal de medio punto peraltado que descansa sobre un par de columnas entregadas con capiteis de follas moi estilizadas. Os tramos cóbrense con bóveda de canón, reforzada por un arco faixón, e de cuarto de esfera ou de forno, sostida por seis nervios baqueteados unidos nunha clave cun florón e apoiados sobre columnas e columniñas con capiteis vexetais de follas picudas ou en espiral. Entre as columnas inferiores ábrense arcos de medio punto con seteiras. No exterior, a cabeceira levántase sobre tres zócolos, as esquinas da parte pentagonal teñen columnas pegadas con bases áticas e capiteis vexetais. En cada entrepano ábrese una fiestra coroada por un arco de medio punto baqueteado, con chambrana de billetes, bases áticas e capiteis vexetais; os tímpanos aparecen decorados, ben con cruces de lazos e flores, ben con outros elementos fitomorfos e xeométricos. O beiril está sostido por canzorros de proa, xeométricos e vexetais, e un deles cunha cabeza de bóvido.